Nin fadas nin princesas

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

14 oct 2016 . Actualizado a las 16:44 h.

Nin fadas nin princesas, como diría Sés... Nin cavernícolas. Esta mesma semana conmemorouse o Día Internacional da Nena, unha efeméride que se aproveitou para lanzar, entre moitas outras, unha mensaxe que ultimamente se fomenta en moitos foros: a de educar ás rapazas, non como princesas dependentes dun príncipe salvador, senón como seres independentes, fortes e autosuficientes. Unha filosofía coa que eu, particularmente, concordo, a pesar do difícil que debe resultar porque ás nenas lles meten polos ollos todo tipo de estereotipos, e que tire a primeira pedra a que na súa tenra infancia non se identificara con algún deles. Eu, sen ir máis lonxe, tamén me disfrazaba de princesa e, sendo un pouco máis maior, era a eficiente secretaria -porque coas referencias que tiña da televisión nin pola cabeza se me pasaba a posibilidade de ser xefa- dunha oficina imaxinaria. Así que creo que está moi ben que se trate de rachar co papel secundario das mulleres na sociedade, sen embargo, ese esforzo queda un pouco coxo cando non se educa aos príncipes baixo os mesmos preceptos.

Aos nenos tamén haberá que ensinarlles que as mulleres son persoas fortes e independentes que nin dependen deles nin están ao seu servizo, porque se se manteñen premisas que veñen de antigo todos os esforzos serán inútiles. E está claro que algo estamos facendo mal cando aparecen nos medios de comunicación novas do calado da violación colectiva dunha unha moza en Pamplona o pasado verán coas festas de San Fermín como coartada. E o máis pasmoso aínda, se cabe, é que os (presuntos) autores da agresión se gabasen da súa fazaña a través das redes sociais. ¿Pero en que clase de sociedade vivimos? O que é evidente é ningún deles debeu oír falar de que as mulleres son persoas con decisión propia e non obxectos que poidan utilizar ao seu antollo.

Para colmo de males, resulta que as mensaxes que se lanzan desde determinados formatos televisivos, lonxe de axudar a mudar as cousas, contribúen a afondar no problema. Esta semana, precisamente cando se conmemoraba o día que recoñece os dereitos e os desafíos excepcionais que deben enfrontar as nenas de todo o mundo, un participante nun programa que, en si mesmo, transmite uns valores moi pouco edificantes se quedaba tan ancho despois de dicir que, se unha moza lle daba a entender que quería intimar con el, logo non podía cambiar de opinión porque se el se acelera non razoa e non entende un NON.

Iso emitiuse na televisión. Despois estráñanos que aumenten os casos de violencia sexista. Está claro que fai falta moita máis educación. Pero moita, moita.