Encargarse, xunto cun grupo de colaboradores, da organización dun dos días das festas de San Roquiño
25 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Aos seus 75 anos, Manuel Miguéns segue a encargarse, xunto cun grupo de colaboradores, da organización dun dos días das festas de San Roquiño, concretamente do mércores. Segue o mesmo ritual desde hai nada menos que 58 anos, o que o converte no veterano dun grupo de persoas que rivalizan, de xeito amigable, por ver cal é o que consegue argallar o mellor programa. A batalla que se lida en Tállara fai que as celebracións desta parroquia de Lousame teñan sona en toda a comarca.
-¿Como, con 17 anos, decidiu entrar a formar parte da comisión de festas de San Roquiño?
-Daquela mercárase unha imaxe nova na aldea, a virxe de Fátima, e o veciño que organizaba o día na honra de San Miguel dixo que quería cambiar a festa deste pola da nova santa. Eu non estaba de acordo e decidín seguir eu coa xornada dedicada a San Miguel.
-¿Había xa naquela época a rivalidade de hoxe?
-Si, cada aldea tiña o seu santo e encargábase do programa, tratando sempre de que fora o mellor. Pero é unha rivalidade sa, porque ao final todos somos amigos e nos axudamos. Falamos entre nós para evitar que se repitan as orquestras, pero nada máis.
-¿É complicado organizar unha festa deste tipo?
-Para min non, porque conto coa axuda de oito persoas. Realmente son eles os que percorren a parroquia e piden polas portas. Eu encárgome máis das orquestras, da misa, dos gaiteiros... da parte organizativa. Tamén recado diñeiro, xa que como me coñece todo o mundo, moitos danme cartos para a festa cando me ven pola rúa.
-¿Pórtanse ben os veciños de Tállara?
-Moi ben, doutro xeito sería imposible para unha parroquia de 300 veciños organizar seis días de festas. Aínda que si é certo que son os maiores os que colaboran, porque os mozos non dan nin un euro.
-¿Pensa entón que corre perigo o futuro dos festexos?
-Non creo, porque aos mozos, gustar gústalles ir á festa. O que pasa é que moitos tampouco poden colaborar.
-E este ano, ¿quen pensa que vai gañar a batalla?
-Pois non sei, a xente di por aí que gañamos sempre nós, os do mércores, que este ano temos a Poceiro e a Charleston. É complicado que haxa un gañador claro, porque as orquestras que lles gustan aos maiores non son do agrado da mocidade. Son seis días e hai moita variedade.
-¿Estará vostede o vindeiro ano á fronte do mércores?
-Seguirei, teño que morrer coas botas postas. Se soubera que a cousa ía ir ben sen min, deixaría a comisión, pero seis que se despois hai un cambio radical, os veciños van ter pesar porque o santiño non teña a festa que se merece. Como teño axuda bastante dos meus compañeiros da comisión, podo ben co traballo, así que non teño problema en continuar.
As festas comezan hoxe coas orquestras Marbella, que amenizará a sesión vermú, e Atenas. O pasarrúas correrá a cargo do grupo Salgueiriños. A maiores, de 17.00 a 21.00 horas, haberá hinchables, maquillaxe e globoflexia no campo das festas. Ás 18.00 desputarase un campionato de chave.
Miguéns leva 58 anos na comisión do mércores FOTO dani gestoso