Comicios distintos


Resulta evidente que os resultados conseguidos polo BNG nas eleccións do pasado domingo non son bos. Nin no conxunto do país, nin nos concellos da comarca, nin tampouco en Mazaricos conseguimos facer chegar aos veciños a mensaxe da nosa candidatura; a única, por certo, que se presentaba en clave 100% galega e que tiña como principal obxectivo defender os intereses de Galicia en Madrid.

Dito isto, convén ter en conta que a situación resultaba máis complicada que nunca para a nosa formación debido ao interese dos grandes partidos de ámbito español en facer unha campaña en clave estatal, excesivamente mediática, e incluso moi polarizada, que prexudicaba ás formacións de corte nacionalista coma a nosa.

Neste sentido, e ao meu modo de ver, non resulta rigorosa a análise dos resultados botando man dunha simple extrapolación dos datos rexistrados nos comicios ás Cortes xerais ao ámbito puramente local. Neste eido, o BNG ten un peso importante e unha forte implantación histórica que, penso, para nada se viu afectada co acontecido o pasado domingo. Esta relevancia maniféstase na comarca barbancesa coas alcaldías de tres concellos e co importante traballo na oposición de moitos compañeiros nas súas respectivas corporacións.

O caso concreto de Mazaricos é un claro exemplo do exposto con anterioridade, pois o equipo de traballo que se presentou ás elección municipais de fai escasamente un ano logrou, obtendo máis de 1.700 votos, a maioría absoluta na corporación. Sen embargo, pese ao intenso traballo desenvolvido neste período, as papeletas que obtivo a lista encabezada por Carlos Callón ao congreso apenas foi apoiada por un cento de veciños, a metade que na anterior convocatoria de decembro.

De forma paralela, o Partido Popular, practicamente desaparecido da vida municipal, logrou aumentar en medio milleiro o seu número de votos.

En síntese, ningúns comicios se parecen a outros e, por iso, estou convencido do pouco reflexo que van ter os resultados das eleccións xerais cos que se darán nas próximas autonómicas de outono. Nelas, o BNG vai dar a batalla para derrotar ao Partido Popular e, de feito, xa estamos traballando para facer chegar o noso proxecto a todas as galegas e galegos.

Por Juan José Blanco Riveiro Alcalde de Mazaricos

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Comicios distintos