«A algúns moléstalles que se cumpran os compromisos»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

O rexedor noiés afirma que os tres meses do seu goberno gañan na comparativa cos oito anteriores

02 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No caso de Noia, a análise do primeiro ano de mandato esixe ter en conta o antes e o despois que marcou a moción de censura que levou a Santiago Freire á alcaldía o pasado febreiro. O rexedor está plenamente satisfeito da decisión tomada no seu día e do traballo feito nos seus pouco máis de tres meses de goberno.

?¿Como atoparon o Concello cando chegaron ao goberno?

?Hai unha serie de problemas que estamos a resolver, como un volume importante de facturas de provedores pendentes de pago e recibos sen consignación por valor de 1,2 millóns de euros, fíxose un plan de pago e estanse axilizando as cousas. Outra das prioridades era pechar a conta xeral para, a partir de aí, poder levar ao pleno de xuño os orzamentos. E atopámonos cun problema grave na rede de abastecemento, é unha prioridade e déronse pasos para concretar melloras nesta infraestrutura.

?Foron uns meses intensos...

?Avanzouse en proxectos prioritarios como a rexeneración da ría e hai xa consignación orzamentaria de Portos para unha primeira fase. Non estamos a falar de actuacións futuribles, senón que se están materializando, como aconteceu coas obras en materia de seguridade viaria no cruce de A Barquiña e en Orro, ou o retranqueo do muro da finca do Marqués, a mellora da Alameda ou o entorno da igrexa de Santa María de Roo. E hai outros compromisos programáticos que van ser realidade en breve, coma o polideportivo do colexio de Bergondo, hai financiamento da Xunta e materializarase nas vindeiras semanas. A comparativa dos nosos tres meses de goberno cos oito anteriores resístese perfectamente, neste pouco tempo conseguimos máis investimentos.

?A consecución de tantos compromisos de investimentos de outras Administracións para actuacións que levan tempo agardando leva a grupos da oposición a falar dun uso partidista dos recursos públicos.

?A algúns moléstalles que se cumpran os compromisos e que Noia consiga determinados investimentos que eles non foron quen se conseguir. Para que unha determinada Administración poida colaborar con outra o que hai que facer é dirixirse a ela, hai que facer xestións, un conselleiro non vai ir a un sitio se non se lle fan propostas e se presentan proxectos. Hai a quen lle molesta que exista sintonía, pero nós o que intentamos é xestionar melloras para Noia.

?¿Está superada xa a fase de posta ao día do goberno?

?Estámonos encontrando con sorpresas a diario, pero como lamentarse tampouco resolve os problemas temos que seguir traballando, o obxectivo que temos é ir desbloqueando determinadas cuestións, estanse resolvendo contratos que tiñan advertencias de Intervención, hai aspectos que mellorar na xestión da piscina municipal, está pendente o conflito do edificio Fin de Siglo...

?Fala de moitas cuestións do día a día e actuacións que xa están sobre a mesa, pero ¿cales son os proxectos de futuro a Noia a medio e longo prazo?

?Consolidar Noia como destino vinculado ao Camiño de Santiago a través do Portus Apostoli, e vinculado a isto é a recuperación patrimonial, habilitar no edificio do Casino e no antigo curtidoiro da Chaínza instalacións que poidan ter un uso vinculado ao Camiño, ben como oficinas de información ou hospedaxes. E a ampliación de chan industrial na zona da Toxeira, está previsto no novo plan urbanístico e ademais pode ser desenvolvido polo Concello. Aínda que o puntal económico de Noia é o marisqueo e o comercio, non por iso imos darlle as costas á creación de solo industrial.