Terra de plástico

Francisco Ant. Vidal
francisco ant. vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

30 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Pola supervivencia da especie humana, di Xulio que habería que empezar a mirar a forma de plantar patacas en chans de plástico.

Despois da Segunda Guerra Mundial pensouse que deberíamos chamar a esta época que nos toca vivir a idade atómica, e razóns e xustificacións non faltaban, pero se o pensamos friamente, tal vez sexa máis adecuado chamala era do plástico, dese material practicamente descoñecido para nosos bisavós e que na volta de medio século acabou converténdose nun dos elementos máis imprescindibles da nosa vida, así como perigoso e daniño para o medio ambiente, porque desde o tapón do viño malo ó teclado do ordenador o plástico alfombra todo o planeta.

Ninguén se imaxina en que botar o lixo ou en que traer a compra do supermercado se non é nunha imperecedoira bolsa de plástico. Calquera aparato que temos na casa, desde o elemento máis feble ata o máis duro está feito, envasado ou envolto en plástico, as mesmas prendas de vestir teñen máis fibras do tal material ca de la ou algodón estendéndose nas nosas vidas ata formar parte da paisaxe, a mesma mallante deixa nas praias máis plásticos ca algas ou cunchas, de plástico é a moderna carpintería e o recubrimento dos edificios e ata moitas das xoias que nos adornan. E o peor de todo é que, mentres un trapo, un ferro ou un papel acaban pudrindo e formando parte do humus da terra, o plástico sae das fábricas con tan longa data de caducidade que se pode considerar eterno, o que ben podemos definir como os tecnofósiles do futuro. Á fin, algún día, en opinión de Xulio, cando os arqueólogos descubran o que para aquela virá sendo o equivalente ós concheiros actuais, darannos, sen dúbida, o nome de idade do plástico, ou cultura do paleoplástico, do neoplástico ou simplemente o título de plasticoadictos debido á grande cantidade deles que atoparán en todas partes, porque ata anacos ou presenza química dos mesmos se atopa nos estómagos de peixes e aves que, dalgunha maneira, forman parte da nosa dieta.

¿Lembrades aquela escena do Planeta dos Simios, cando Charlon Heston busca un primeiro vestixio da súa civilización perdida?, pois non podía ser outra cousa ca un obxecto de plástico, unha boneca. Desapareceran as cidades, non había pontes nin coches nin camiños, pero si aquel xoguete que daba noticia do pasado. Ben, si, e ó final tamén a estatua da Liberdade, como non podía ser menos.

Como queira que sexa, ninguén pon en dúbida a facilidade que o tal material ten para darlle forma ós nosos obxectos cotiáns, pero tamén, como advertían aí atrás desde a universidade de Leicester, é tal a cantidade de plástico que empregamos e botamos ó lixo, que nos estamos enterrando en capas e máis capas do mesmo. Por iso, esa idea de Xulio, de que vaimos aprendendo a plantar patacas en chans de plástico non vai moi desencamiñada.