A que o sangue altera

Francisco Antonio Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

25 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

LINGUA PROLETARIA FRANCISCO ANT. VIDAL

Xa estamos na primavera, e arredor dos institutos medran as parellas e desconcéntranse os estudantes. Na primavera debería estar prohibido estudiar fórmulas e chapatorias. Se o ensino se adaptase ós ciclos da vida, nestes meses só se estudiaría poesía pastoril e, como moito, algo de fisioloxía reprodutiva. Pero xa sabemos que ós vellos caducos que deseñan o currículo escolar os sentimentos primaverais quédanlle moi lonxe. E ollo, que como dicía miña avoa, dos bicos e dos abrazos veñen os embarazos.

Aí tendes un sentimento outorgado a unha estación que, en boa lóxica, deberá de manifestarse en todos os meses do ano, e sobre todo cando a necesidade de arrimo calórico se fai máis oportuna e gorentosa, pero o refraneiro por un lado, filosofando e marcando axiomas, e o comportamento aparente polo outro, meténdosenos polos ollos para asegurar que só a primavera é a causante de tanta alteración sanguínea, fainos crer que o amor ten límite estacional.

E a todo isto ¿será verdade que hai meses máis proclives ca outros para xerar descendencia?. Confeso que nunca tal cousa quixen crer, mais, como en algo habemos de diferenciarnos do resto dos animais, convencémonos os seareiros do parladoiro dos xoves de que o desexo de encontro entre sexos non ten vedas, xa sexa no inverno a carón dunha estufa ou no verán tomado a sesta ó acougo dunha gorentosa brisa, e que o sentimento amoroso, ademais dunha cuestión hormonal, tamén é ambiental e, sobre todo, sentimental, e para confirmalo, as partidas de nacemento que hai no rexistro civil teñen ocupadas todas as datas do calendario. Tan convencidos estábamos desta verdade documentada, que ata asegurabamos que iso viña demostrar que somos racionais, que se ben aprendemos a controlar os ciclos hormonais, non somos quen de poñerlle freo ó desexo. Logo virán os antropólogos a convencernos de que iso é debido á necesidade de sobrevivencia da especie, pois que xerando fillos ó largo do ano equilibrábamos a alta mortalidade infantil nos nosos antecesores, como os coellos tendo extensas e intensas camadas e os cervos sabendo correr desde que nacen para fuxir dos lobos.