Unha cuestión de márketing

Francisco Fariña GRADUADO EN INGENIERÍA

BARBANZA

27 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de nada hai que aclarar que hoxe en día as redes despregadas en España son redes LTE (Long Term Evolution) e non 4G. A denominación 4G é unha cuestión de márketing, xa que as características das nosas redes non cumpren cos requisitos necesarios da cuarta xeración. A velocidade de descarga teórica de 4G é de 100 Mbps (megabits por segundo) en mobilidade e de 1.000 Mbps en receptores estáticos, cifras moi afastadas das taxas das nosas redes actuais, cunha velocidade media real duns 20 Mbps.

Dende a páxina do Ministerio de Industria proporciónase información na que se indica que mentres os municipios de A Pobra, Boiro e Ribeira teñen entre un 90 e 100% de fogares con cobertura LTE, no de Rianxo tan só entre o 50 e 60% dos fogares gozan de cobertura. En comparación coa cobertura a nivel nacional, que se atopa en torno ó 76%, a nosa comarca, en teoría, gozaría dun bo despregamento de infraestruturas.

Tanto A Pobra, Boiro e Ribeira caracterízanse por ter a maioría da súa poboación concentrada no núcleo urbano, o cal facilita o aprovisionamento de servizos a un maior número de usuarios cun menor despregue de infraestruturas.

A medida que nos afastamos do núcleo urbano, o número de estacións base diminúe, xa que para as empresas non é rendible despregar infraestruturas para un número moi reducido de usuarios. Por tanto, a cobertura e as velocidades ofrecidas ó usuario redúcense considerablemente canto máis distantes esteamos do núcleo urbano. No caso de Rianxo, o resultado da baixa cobertura pode ser debido exactamente a isto, á gran descentralización xeográfica.

Ademais, esta estimación de cobertura realízase para un nivel de potencia mediana de sinal recibida en exteriores de, polo menos, -90 dBm. Con este nivel de potencia e cun ancho de banda de 10MHz, a velocidade de conexión sería de 3Mbps, cifra moi distante das velocidades 4G anteriormente mencionadas. Así, estas boas cifras de cobertura son un pouco enganosas, xa que a nivel usuario o que finalmente importa é a velocidade de descarga que se pode alcanzar.

Obviamente o despregue de infraestruturas e o asentamento dun novo estándar implica moito tempo e uns gastos moi elevados, pero resulta inasumible ofrecer aos usuarios finais un servizo con velocidades de recepción moi afastadas do potencial ofrecido polo estándar que se está a vender.

Mesmamente, resulta contraditorio para o provedor despregar infraestruturas de última xeración para ofertar servizos coas mesmas ou inferiores capacidades que as da xeración anterior. Debería garantirse o cumprimento non só de mínimos, senón tamén de valores medios de calidade do servizo despregado coa tecnoloxía dunha nova xeración.

Hoxe en día a única imposición que teñen as operadoras é que as conexións á rede deberán permitir comunicacións de datos en banda ancha (3.5G e LTE) a unha velocidade en sentido descendente de 1Mbps.