Vogando na mesma dirección

Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

Moitas veces se ten criticado a falta de unidade dos sectores do mar. Adoita dicirse que cada un vai ao seu e reacciona só cando lle tocan os seus propios intereses. Sen embargo, nestes días, a xente do mar, de todos os ámbitos de actividade e todos os concellos das dúas rías, deu unha lección de unión e de forza, mostrando que son quen de obrigar a un goberno a recuar, aínda que só sexa en parte, e paralizar -ou cando menos adiar- a tramitación dun anteproxecto de lei que polo de agora non espertou máis que rexeitamento.

A imaxe que ofreceu a xente do mar, que vive del e polo tanto algo terá que dicir ao respecto do que se faga nas rías, foi a dun sentimento común de indignación que se trasladou a plenos ateigados de xente como poucas veces se viu en moitos concellos. Esa mesma estampa é a que se veu nas multitudinarias asembleas que se organizaron en toda a bisbarra e ás que os produtores acudiron para informarse, para saber que estaba pasando e actuar en consecuencia. E a consecuencia foi o rexeitamento ao anteproxecto de lei acuícola.

Precisamente por iso, pola unanimidade de todo o sector á hora de dicir un non con maiúsculas á normativa que se estaba a tramitar en Compostela, custa entender que a Administración autonómica se resistira durante tanto tempo a escoitar a voz do pobo e a sentarse a falar con mariscadores, mariñeiros e bateeiros, que ao cabo son os que se xogan o pan con calquera cambio lexislativo que afecte ao seu traballo. A Xunta cambiou o rumbo, pero aínda está por ver se finalmente se atenden as súas demandas. O director xeral de Pesca, número dous da consellería, dixo que en ningún momento se falou de retirar a lei de acuicultura, cando iso é precisamente o que esixe o sector, así que parece que o conflito non vai ser flor dun día. Quizais escarmentados pola experiencia, a xente do mar non se conforma con que se aparque momentaneamente o proxecto e mantén o calendario de reunións e asembleas informativas.

A guerra non está gañada, pero os profesionais demostraron que están en condicións de dar a batalla. Iso si, se queren ter opcións de lograr a vitoria final terán que seguir como ata o de agora, vogando na mesma dirección, porque se cada un tira para un lado será difícil que consigan chegar a bo porto.

Dise en El arte de la guerra que nunca houbo unha contenda prolongada da que se beneficiara ningún país, así que, se a Administración está convencida da necesidade de articular unha nova lei que regule a actividade nas rías, polo ben de todos, o máis razoable é que se poña a traballar canto antes sen deixar de lado aos principais afectados.