O rexedor agarda que o vindeiro ano se faga a obra da travesía de A Serra
06 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Nunha amena entrevista na que Carlos López Crespo, rexedor de Outes, fixo gala da súa dialéctica, os oíntes do espazo Cita co Concello de Radio Voz Barbanza tiveron a oportunidade de coñecer as claves que permiten que esta Administración local non teña débedas, como está a situación en materia de saneamento ou como avanza o proceso de regularización do catastro que leva a cabo Facenda.
Saneamento. «No municipio de Outes non se verte un gramo de auga ao mar sen depurar», afirmou o mandatario, que precisou que o saneamento chega ao 98% da poboación e que só quedan núcleos illados, de 30 ou 40 habitantes, sen esta prestación. De igual xeito, a preguntas do delegado de La Voz de Galicia, Ramón Ares, López Crespo referiuse á medida adoptada o martes pola confraría de Noia, que decidiu, de xeito preventivo, suspender a campaña marisqueira porque nas analíticas da Xunta detectáronse elevados niveis de microorganismos: «Non houbo ningunha vertedura que causase esa alta presenza de microorganismos, pero a confraría decidiu tirar o marisco para evitar situacións como as que se viviron o ano pasado».
Chan industrial. O executivo está á busca dun terreo que poida habilitarse como chan industrial, xa que o reservado inicialmente no PXOM non pode destinarse a esa finalidade porque así o ditaminaron varias resolucións xudiciais. Neste aspecto, Carlos López Crespo mostrouse contundente: «Nunca compartín a ecuación de que chan industrial é igual a presentación de empresas. O desenvolvemento industrial non é cousa de cada concello, é cousa dunha comarca. Temos que ser xenerosos e hai que buscar o lugar máis axeitado para instalar o polígono industrial. Traballar á porta da casa é bonito, pero se hai que desprazarse non pasa nada».
Perda de poboación. Tamén se abordou o problema do descenso poboacional en Outes, un asunto que sacou a colación o condutor do espazo radiofónico, Manuel Dieste. Neste aspecto, o rexedor precisou que o asentamento dos veciños nun lugar depende de factores como as comunicacións, os servizos e o prezo da vivenda: «O despoboamento de Galicia responde a cuestións que nada ou pouco teñen que ver co despoboamento industrial ou económico». Como exemplo indicou que hai mozos que traballan en Outes e viven en Santiago e viceversa. Carlos López Crespo foi máis alá e manifestou: «A poboación de Outes vaise estabilizar e non vai ser por decisións políticas. Eu calculo que Outes non baixará dos seis mil habitantes».
Servizos públicos. López Crespo tamén falou sobre os servizos públicos que se ofertan en Outes, destacando en todo momento e en varias ocasións a entrega dos profesionais e funcionarios e o seu bo facer. Mencionou o centro de día, feito con recursos propios hai dez anos, ou o punto de atención á infancia, no que os pais poden deixar aos seus fillos sen custe algún. De igual xeito, referiuse ás prestacións que hai no centro de saúde, o que facilita a concertación de citas e a atención aos pacientes.
Os tres eixos. Outes goza dunha situación económica saneada, sen débedas, e o alcalde apuntou que iso conséguese con tres eixes fundamentais: «A municipalización de todos os servizos, un sistema de recadación que funciona ao 97% no período voluntario e a un 80% no executivo e a xestión». Neste último apartado precisou que o Concello de Outes fai propostas de investimento e que logo son os profesionais municipais os que se ocupan do procedemento.
Lembranza a Francisco Rama. Na entrevista tamén houbo un momento para dedicarllo ao concelleiro do PP que morreu en agosto, Francisco Rama, coñecido por todos como Fufú, e a Antonio García, que deixou a política activa. López Crespo dixo de García que era un home que «falaba pouco pero tiña sempre o lapis moi afiado». De Fufú sinalou: «Era a cousa máis xenerosa que hai». Lembrou a súa preocupación pola súa localidade, O Freixo, e o seu convencemento de que o futuro estaba no mar. Iso fixo que este núcleo recibise millonarias inversións.