Na reitoral

Pedro Rovira Magariños

BARBANZA

 Ter un amigo cura ten o seu aquel, pois é innegábel que che proporciona certas vantaxes á hora de render contas polos teus pecadiños.v Eu teño varios, e velaí que un bo día chamoume un deles á casa.

-Agora levo tamén a parroquia onde viviches ti de neno e gustaríame que viñeses pasar comigo o día do santo patrón.

A misa foi cantada. Vaia se foi cantada! As nosas pregarias á forza tiveron que chegar ao alén, por xordos que alí estean. E houbo bombas, e sesión vermú. E chegou a hora de comer. Por fin ía comprobar se comer coma un cura era só unha lenda.

Chourizos da casa, xamón da montaña luguesa, pita rechea e un cocido máis completo que o que lle puxeron a Fraga na Feira de Lalín.

Mediada a comida crin afogar. Pedín auga, pero ao ver a cara que puña o meu amigo crego dixen que era broma. Inmediatamente encheume de novo con viño da casa a xerra que me puxeran por vaso.     

Pasaron uns minutos e ninguén saía da cociña. Respirei aliviado. A parte forte do ágape xa estaba vencida! Pero nisto alguén, esquecendo que estaba na casa do cura, botou un pecado grandísimo e berrou:

-E o cabrito, que?

O cabrito xa non podía oír, pero a cociñeira si e coma se a perseguise o mesmo diaño apareceu cunha bandexa que semellaba unha praza de touros. O ata entón meu amigo sinaloume co seu dedo e ela dirixiuse dereitiña cara a min.

-Pata ou costela? -preguntoume cun amplo sorriso.

-Pata -dixen, porque foi o primeiro que me veu á cabeza.

Dito e feito. Pousou a bandexa na mesa, colleu un coitelo como os de matar cochos e cumpriu o meu desexo. Toma pata!

Observei as súas dimensións, mirei para o meu bandullo e comprendín que non, que non era posíbel atoparlle acubillo alí.

-Se non che gusta o cabrito, que che traian máis lacón -sentenciou o crego.

-Non, non. Gústame, gústame.

E comín. Non sei como, pero comín. Xa só faltaba a sobremesa! Flan de ovos-ovos, roscón, torta de améndoa, brazo de xitano... Suaba, pero a mirada compracida do páter deume forzas para engulir a última rosquilla que atento -de atentar- me ofrecía.

Café con augardente, máis café, augardente de herbas, máis café, licor café...

Ás sete da tarde escuseime e dixen que ía botar unha cabezada. Sentei como puiden. Por dentro de min notei un boureo infernal. Á fe que fixen esforzos por non botalo. Pero foime imposible. E saíu.

Oín como os demais comensais, máis recatados, limitábanse a botar contidos arrotos, correspondidos coa mirada satisfeita do anfitrión.

Eu durmín.

Pedro Rovira Magariños

Mestre xubilado, desempeñou a maior parte da súa profesión docente en Ribeira. Gústalle escribir.