Rianxo estreáse como residencia artística co desexo de repetir

BARBANZA

marcos creo

Desde hai uns días, integrantes de Voadora preparan no auditorio municipal a súa nova montaxe, Calypso

28 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ocorreu hai uns días en Noia, onde desembarcaron Javier Veiga e o seu equipo para realizar os últimos ensaios de Amigos ata a morte e obsequiar despois aos veciños coa preestrea da función e agora repítese a experiencia en Rianxo. Desde hai uns días, integrantes de Voadora preparan no auditorio municipal a súa nova montaxe, Calypso. A cambio de empregar o edificio ofrecerán dous pases da obra. O Concello quere que este sexa o primeiro paso dunha residencia artística que se manteña no futuro.

O que pretende o executivo rianxeiro é sacarlle o máximo partido ás instalacións coas que conta obtendo a cambio beneficios dos que poidan gozar todos os veciños, como ocorrerá neste caso. Hugo Torres, José Díaz e Marta Pazos subiranse este fin de semana ao escenario do auditorio para presentar un espectáculo sobre o ridículo, unha reflexión sobre a xeración do Facebook e sobre o papel que teñen o artista e o público na sociedade actual.

Fundada no ano 2007 en Santiago, Voadora conta cunha longa lista de galardóns, entre os que se atopa o Premio da Crítica de Galicia 2013. Despois de estar ao longo das tres últimas semanas ensaiando sobre as táboas do auditorio rianxeiro, a compañía ofrecerá mañá, ás 11.00 horas, unha primeira función para os alumnos do instituto e o venres, ás 21.00, un segundo pase para o público en xeral. As invitacións poderán retirarse, de xeito gratuíto, unha hora antes.