A empresaria e actriz ribeirense podería escribir un libro de historias ao redor do manantial
06 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Para a inmensa maioría é unha construción de pedra dotada dun cano central polo que mana auga pero, para Kica Fernández, a fonte do Rueiro é moito máis. Escoitándoa falar deste recuncho do casco urbano de Santa Uxía, un é capaz de crer que realmente o punto onde converxen seis concorridas rúas da cidade é un lugar máxico. Inflúe a imaxinación e a facilidade para contar historias que ten esta empresaria namorada do teatro.
Naceu, vive e traballa no Rueiro, o que a leva a toparse coa fonte a diario. A casa ou o taller de bordado e costura que rexenta sérvenlle de escaparate para ser testemuña de singulares anécdotas coas que vai escribindo no maxín unha historia co manantial como escenario: «Hai un par de anos, polas festas de Ribeira, apareceu unha peruana cun bebé, encheu un gran barreño e bañouno. Vin como a fonte volvía a ter o seu sentido orixinal, prestar hixiene». Outras das estampas que ten observado Kica Fernández son máis mundanas: «Un día, sobre as oito da mañá, chegaron dous mozos que viñan de festa e, sen pensalo, despelotáronse e bañáronse alí».
A ribeirense non dubida ao asegurar que a súa vida está, de algún xeito, marcada por esta fonte: «Alí tiven unha declaración de amor, fíxenlle as primeiras fotografías á miña filla e, sempre que teño que quedo cos amigos, a fonte é o noso punto de encontro». Kica está convencida de que o feito de ser nexo de unión de varias rúas inflúe no poder que este recuncho de Santa Uxía exerce sobre algunhas persoas, entre as que claro está, se inclúe: «A fonte do Rueiro é un lugar máxico, que transmite moita forza».
Paixón polo teatro
Asegura que podería escribir un libro sobre esta fonte pero, escoitándoa, é doado concluír que sería quen de darlle forma a un libro sobre calquera cousa. E se non escribilo, si contalo, porque esta ribeirense recoñece que o dela é a narración oral: «Na miña familia nacemos detrás dun mostrador e iso marca». Cando nin sequera levantaba medio metro do chan xa se subía ao escenario do colexio. A paixón polo teatro foi a máis cando se fundou o grupo municipal: «Empezamos cun curso de verán que se chamaba Todo a Mil e seguimos. Agora mesmo, onde me sinto a gusto é no Rueiro e onde non penso, enriba do escenario».
Leva moitas funcións ás costas, pero Kica Fernández non pode evitar as cóxegas na barriga antes de cada representación: «Son nervios de responsabilidade, porque eu tómome moi en serio o teatro». Tanto que soña con poder dedicarse algún día, a tempo completo, a esta actividade: «Sigo tendo ese obxectivo na mente». Aínda que salta á vista que ten moitas facilidades para contar historias, descarta por completo enfrontarse soa ao público como monologuista: «Gustaríame, pero non me atrevo. Penso que só podería conectar co público contando historias sobre min, vivencias propias, e non me vexo capaz. Cando subo ao escenario non son Kica, son o personaxe que toca, é como se levara unha máscara».
Máis que un traballo
Comenta que ao mellor, cando se xubile, inviste todo o seu tempo nas artes escénicas, aínda que de seguro lle será complicado deixar de lado a súa outra gran paixón, a costura, o piar do negocio que fundou hai quince anos: «Cando pensei a que me ía dedicar, díxenme que, se ía pasar máis tempo no traballo que na miña propia casa, tiña que ser un lugar que me gustara, como a habitación do meu fogar, e tiña que facer algo que me gustara moito».
Así decidiu decantarse pola costura e o bordado pero, en vez de enclaustrarse entre as catro paredes dun local impersoal, converteu a súa tenda na súa segunda casa: «Na tenda teño moitos mobles antigos, é coma un cúmulo de vivencias familiares». Á costura como ao teatro, Kika Fernández ponlle toda a súa paixón, os folgos cos que cada día se enche cando mira cara a súa fonte do Rueiro.
kica fernández méndez
45 anos
Empresaria