Alta tecnoloxía

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

31 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A tecnoloxía forma parte de nós ata tal punto que hoxe en día o analfabetismo non se mide por non saber escribir unha palabra ó dereito, senón por non saber pulsar as teclas. E así, persoas que son incapaces de facer unha redacción de dez liñas, manexan os aparellos electrónicos cunha destreza de prestidixitador. Xa queda lonxe aquel profesor que tiven na escola primaria, quen nos animaba coa gramática falándonos dunha coñecida que quedou solteira por cometer faltas de ortografía, e os mozos ós que aspiraba a tomaron por inculta. Esta semana pasada un amigo criticoume a unha compañeira de profesión por equivocarse no uso dunha das funcións do Moodle, unha ferramenta informática moi usada nas aulas. Así pois, o analfabetismo de hoxe non é escribir mensaxes con medias palabras, senón non distinguir entre a ROM e a RAM.

A tecnoloxía é tan parte de nós que eu mesmo me escandalicei cando un alcalde en funcións asegurou en plena campaña que se negaba a usar o móbil e as tarxetas de creto porque é a maneira que o mundo capitalista ten de controlarnos. Escandaliceime ó saber que non usaba nin móbil nin tarxetas de creto nos tempos que corren, non pola razón que dá, pois curiosamente, xa hai uns anos, cando se empezaron a popularizar os teléfonos de peto, un arquitecto chegou a dicirme no seu despacho que eses aparellos só eran bos para ter controlados ós peóns albaneis. 

O certo é que estas desafortunadas opinións, que aceptamos cun amplo sorriso, non van tan descamiñadas. Os da miña casa, os meus amigos, os meus clientes e os meus prestamistas, sempre saben onde estou e nunca teño desculpa para non atender unha chamada porque cada día estes aparellos son máis acusóns. E se non é polo móbil é polo Email, polo Facebook ou polo Twiter.

A tecnoloxía está en todo e é todo, como a Negra Sombra, ata coutar a liberdade. E así como nos cárceres, para alixeirar persoal, deron en poñerlles unha correa electrónica no nocello dos presos con permiso para avisar por onde andan, nós levamos o localizador no peto e aínda presumimos del. Nós aprendemos das películas americanas que a proliferación de cámaras en todos os comercios e esquinas axúdalle ós polis a atopar ós maleantes, pero tamén que non lle podes dar un bico a quen che acompañe, ou mercar libremente na farmacia que axiña corre a noticia polo barrio. Por non poder non podes nin pinchar na autovía onde non hai un quilómetro libre de cámaras. E se de dereito á intimidade falamos, ¿cantas fotos que tiñamos relegadas ó esquecemento non aparecen nas redes sociais sen o noso permiso?. ¿E cantas veces o tal dereito e a presunción de inocencia non é violado polas páxinas de acceso libre a ministerios como o de Facenda ou o de Interior? Só hai que poñer o nome dun veciño en Google que axiña aparecen ata as multas de tráfico

Mais o cume dos despropósitos contáronmo estoutro día, cando o xefe dun amigo sabía a onde fora na fin de semana, grazas a que os novos coches da empresa teñen un chintófono instalado para controlar o seu desprazamento e localización en cada momento, sen que tal condición figure en ningún contracto. Por iso, aínda que sexamos adictos e dependentes das novas tecnoloxías, están tan de moda as escapadas ós paraísos de todo tipo, para que non che vexan nin che controlen durante sete ou oito días.

Semella que Orwell quedou corto cos seus prognósticos de futuro, e iso que aínda non se popularizaron os chips intracutáneos, coma os que lles poñen ós cans para saber de quen son ou se teñen a rabia.