Río Barbanza vs. Serra da Barbanza

Isabel Santos

BARBANZA

27 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Malia que a colonización latina é a principal na nosa lingua, non ocorre o mesmo coa toponimia, que posúe un enorme estrato prelatino no tocante á hidronimia. Os nomes dos ríos consérvanse, teimudamente, coma nun acto de rebeldía contra o invasor romano e de supervivencia da identidade. Pero, Barbanza é un hidrónimo ou un orónimo? Como nome de serra e comarca, podemos relacionalo con Castro Barbudo en Taragoña, con base oronímica precelta: ?BAR «altura, monte». Como hidrónimo, existe o étimo indoeuropeo *bher(u), «ferver, burbullar», presente nos ríos Barbazán (afluente do Tambre) e Barbate en Cádiz. Estamos ante un hidrónimo galaico con sufixo -antia. O nome Barbanza trae sabor de serra, rochas milenarias e sol, pero tamén de auga doce que salta. Barbantia é o nome case máxico dun soño feito realidade: a nosa Asociación; pero tamén dun café, dunha empresa de autocares, dunha sociedade deportiva... Cada vez que un ilustre topónimo coma este reaparece de novo, milenios de historia resoan na nosa lingua, valedora dos nosos ríos e das palabras procedentes das mesmas raíces.