«O próximo número podería dedicarse aos barcos do exilio, pero aínda é unha idea»

r.i. Ribeira / la voz

BARBANZA

Acaba de saír o último número de Casa da Gramática e Xavier Castro xa está pensando no seguinte. Mestre dende hai case trinta anos, compaxina a docencia coa coordinación dunha revista que xa é todo un referente.

-¿Foi doado reunir aos colaboradores desde último número?

-Casa da Gramática sempre foi moi ben acollida, a xente colabora de forma xenerosa e desinteresada. Os alumnos tamén axudan con paixón. Sempre contamos cun grupo que imos renovando cos novos estudantes que chegan ao centro, así tamén fomentamos a lectura e a escritura.

-¿Cal é o traballo máis custoso?

-O que leva máis tempo é conseguir as colaboracións para unha data determinada. Ás veces tes que pospoñer algunhas porque falta o texto ou a imaxe.

-¿Pensou nalgunha idea para o próximo número?

-Aínda non sabemos cando sairá, pero xa pensamos en que podería dedicarse aos barcos do exilio pola súa importancia durante a Guerra Civil, pero aínda é unha idea.

-¿Os antigos alumnos seguen mostrando interese pola revista?

-Si, moitos queren seguir firmando nas súas páxinas. Un exemplo é Ramón Blanco.