Un rianxeiro participou no deseño dun teclado en galego para Android

Ribeira / la voz

BARBANZA

20 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A pegada de algúns mozos barbanceses en distintos eidos laborais está sendo forte, sobre todo no que se refire ás novas tecnoloxías. Basta coñecer casos como o do rianxeiro Álvaro Ordóñez Iglesias. Este rapaz pertence a un equipo que deseñou un teclado en galego para Android; unha ferramenta que permite escribir no idioma rosaliano no móbil con total corrección. O grupo do que formou parte Ordóñez, en realidade, parte de dúas empresas, Faz Cultura e Desenvolvemento e Cilenis, vinculadas á Universidade de Santiago de Compostela (USC). O teclado deseñado, que foi lanzado ao público en xullo, acaba de gañar o primeiro concurso de FeiteDixital de aplicacións para móbiles.

Onte, dende esas dúas empresas vinculadas á universidade explicaban en que consiste a aplicación. Indicaban que cada vez se escribe máis a través dos teléfonos móbiles. E que por tanto faise necesaria unha aplicación que funcione como correctora na lingua galega. É dicir, que lle axude a un a non cometer erros cando escribe rápido e que lle suxira palabras para non perder tempo. O teclado deseñado por eles, que é o oficial de Android, conta cun dicionario composto con medio millón de entradas distintas.

As vantaxes

A primeira vantaxe deste teclado é que é de balde. É de software libre, así que se pode empregar sen límites. E permite escribir no móbil ou na tableta sen preocuparse das faltas de ortografía ou dos erros ao escribir rápido. Pódese ter máis información sobre a aplicación na páxina www.tecladogalegoandroid.com.