Permiso de maternidade

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

23 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Se un se para a pensalo non sabe que ha de facer, se ter fillos que garantan o futuro e as pensións ou non telos para garantir o presente. Coido que todos coñecemos algún caso no que nunha entrevista de traballo se lle pregunta a unha muller, xa directamente o con reviravoltas, se pensa ter fillos. Pregunta que nunca se lle fai ós varóns, o que me fai asegurar que nun currículo valórase máis unha ligadura de trompas ca un máster universitario ou unha vasectomía. E isto que se pide nas entrevistas de traballo, non é en realidade unha carga para ningunha empresa, senón para a Seguridade Social, que é quen paga, de habelo, o permiso de maternidade ou de paternidade.

Con isto discutimos sobre machismo e feminismo no parladoiro dos xoves, con todos os tópicos coñecidos, cando alguén saca ese estudio da universidade de Utah segundo o cal os homes teñen maior facilidade cás mulleres para orientarse, dada a necesidade de perpetuar a especie. Todo o contrario do que di mi tía María, que a carreira da muller é a de casar e a do home a de deixarse querer.

E aquí volven outra vez os extremismos sexuais a poñer no fiel quen é mellor ca quen, se o ovo frito ou a galiña choca. Claro que os investigadores demostran todo isto estudiando tribos africanas, que polo visto non había outras máis á man viaxando por lugares inimaxinables e deixando o seu seme en varios quilómetros á redonda para evitar a endogamia, o que me lembra aquela película de Na busca do fogo, en que un home ben formado e fornido que non sabía acender un lume, foi cazado por unha tribo máis evolucionada para usalo como semental (sangue nova para a aldea), manifestándose unha vez máis iso de que é a muller quen escolle, co que a pregunta vén ser que era máis importante para aqueles, se o xa coñecido ou o por coñecer.

Se esa película, na que toda a crítica coincide en que está moi ben documentada (aínda que nela aparece o anacronismo da estela dun avión), se axusta á verdade, está claro que alomenos as mulleres primitivas eran máis intelixentes cós homes. E aínda que tamén alí, na película, son os homes os que han de viaxar na procura do lume e elas agardalos, o que encontran e traen é a unha moza que sabe producilo. Como queira que sexa, o pasado pasado está, aínda que parece que os xens daqueles primitivos permanecen no subconsciente relegándonos á condición de animais que se moven por instintos e necesidades, ata que a necesidade procreadora é substituída pola da rendibilidade laboral a curto prazo (¿cousa da evolución?), e só se me ocorre unha maneira de loitar contra ela coa lei na man, e é a de que todos os pais fagan uso do permiso de paternidade, ese dereito de que moi poucos homes disfrutan, precisamente por medo a perder o traballo, un medo que sen lugar a dúbida nace do feito de que os pais son machistas por necesidade.

Como vemos, a vida laboral non acaba de adaptarse ás necesidades do momento e menos aínda a pensar no futuro. E aí aparecen empresas, como Facebook e Apple, que, dándose de modernas, para conciliar as súas necesidades coas das empregadas, ofrécelles a posibilidade de conxelar os óvulos para ser usados máis adiante, unha modernidade que encerra a fatal imposición por parte da empresa de escoller o momento en que unha muller ha de ser nai, como se elas fosen só instrumentos para facer fillos.

Está claro que un útero novo, san e activo é un problema empresarial de primeira orde, e tamén que conta negativamente nos currículos.