Aínda lembro cando os homes da miña parroquia saían a botar un pito no intre en que, na misa, o cura comezaba a homilía. Aqueles meus veciños tiñan bastante mundo como para quedar a escoitar a interpretación que o párroco lle daba ás Escrituras, entendía eu. Logo, andando os anos xustificábao como que evitaban ser adestrados desde o púlpito, e agora penso se non irían á misa porque era obrigatorio, cando para saír ó estranxeiro se necesitaba un certificado do párroco, pero evitaban o discurso político, como unha peculiar maneira de manifestar a existencia dunha oposición prohibida, entendendo que non é por fe todo o que se comulga; e eles tiñan a rebeldía de quen sabe abrir fronteiras.
Agora, se paso polo adro un domingo pola mañá, lembro aquel Ollo de vidro de Castelao, onde se conta como os veciños están falando das cousas da vida mentres agardan a cumprir co secular requisito, ou co inveterado costume, obrigándome a preguntar sempre o mesmo, que cantos están alí por rutina, cantos por compromiso e cantos por relixiosidade.
Nas cidades un pode camiñar un domingo pola mañá vendo como a devoción vai por barrios, nas parroquias do centro as familias van da man, vestidos de festa, con paso demorado para cumprir co primeiro mandamento da santa Igrexa (que non son os da Lei de Deus): «asistir a misa todos os domingos e festas de gardar», e despois, ó saír, xuntarse en reunións familiares entre aperitivos e vasos de vermú.
Nos barrios a afluencia é sobre todo feminina e singular, quero dicir sen esposo nin fillos. Ata non hai moitos anos, e mentres as mulleres corrían da igrexa á casa con apuro para ter listo o xantar para cando eles volvan de tomar os viños, as tabernas da periferia abarrotábanse de obreiros sen présa e ás esposas estáballes vedado ese momento de sosego, un mal costume que por fin se vai perdendo.
Pero deixando a un lado estas diferencias sociais fronte ó feito relixioso, e aínda supoñendo que todos os que asisten á misa o fan por fe, a pregunta que se me ocorre é onde hai mais devoción, se no grupo familiar que se reúne ou na señora que ten que distribuír o tempo para cumprir cos deberes relixiosos e familiares.
Certamente, á misa non só se vai por ser crente, senón tamén por rutina, xa sexa porque é a actividade que todos os días de sete a oito ten fulana para saír da casa ou zutano cada domingo antes de tomar uns cacharros. E como non, tamén por relación social unhas veces e outras por compromisos de veciñanza. Así, ir a unha misa por un parente ou veciño que en gloria estea, non ten que ser un acto estrictamente relixioso, senón de honra ó finado ou de solidariedade cos familiares do mesmo; e por iso, quizabes pola mesma razón que retrata Castelao en Un ollo de vidro, os meus veciños celebran maioritariamente este acto no adro, sen entrar no templo, como se tamén o finado andase por alí, entre eles, falando do día a día, porque mentres dentro se despide a un morto, no adro lémbrase a un ausente.