Por esta vez, nada da miña colleita. Transcribo directamente, traducido ao galego, un grito desesperado que en min só evoca o silencio redentor daquel Mesías que Deus mandou aos xudeus para seren rescatados do destino dos infernos. Non vos confundades, non é esta a voz dun cura, senón a dun libro aberto.
«Oitocentas mil firmas, en poucos días, fan titubear ao Congreso de EE.?UU., onde un senador está disposto a bloquear o voto lendo un por un, durante horas, os nomes de todos os firmantes da petición. ¡Mañá xa, entreguémoslle o millón!». «Nestes momentos o Congreso está debatendo unha lei que lle daría ós EE.?UU. poder para censurar Internet a nivel mundial, creando unha lista negra que podería incluír a YouTube, WikiLeaks, ¡e a grupos como Avaaz!», segue a voz desesperada. Avaaz é unha rede global de campañas de dez millóns de persoas que traballa para conseguir que as opinións e valores das xentes de todo o mundo modelen os procesos das tomas de decisión. O vocábulo «avaaz» significa «voz» ou «canción». Os membros de Avaaz pertencen a todas as nacións do mundo, ubicados en 13 países de 4 continentes, e opera en 14 idiomas.
Entendo as razóns que a impulsan e sinto na miña alma a angustia coa que esta voz nos chama. Pero non comprendo nin a orixe nin a causa da imaxe á que me retrae. Xesús, o de Nazaret, era unha voz no deserto, entón ¿por que será que, ao sentir esta outra, alucino vendo a Cristo cara ó Gólgota coa súa cruz ás costas?