«Os Heredeiros da Crus cambiáronme a vida por completo»

Paula Souto RIBEIRA/ LA VOZ

BARBANZA

17 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Regaláronlle a primeira guitarra española na súa comuñón. Deixouna aparcada un tempo ata que aos 13 anos un amigo seu vasco, que veraneaba en Castiñeiras, ensinoulle catro acordes. Ao despedirse, Antonio Novo, Tuchiño dos Heredeiros, xa o retou: «Cando volvas toco mellor ca ti, díxenlle». Chegou un momento no que só vivía para a guitarra. Amante incondicional do rock e do heavy, «sempre recordarei o día no que eu estaba facendo play back dun tema en inglés na miña habitación e entrou miña nai, viume de xeonllos tocando a guitarra e batendo coa cabeza contra o colchón da cama».

Antonio Novo, estaba estudando Graduado Social en Santiago cando, en maio de 1992, naceu Heredeiros da Crus, o grupo que fixo enlouquecer a miles de galegos e galegas. Nunca antes unha banda de música galega lograra algo semellante. O grupo e o nome deste xurdiron por un soño que tivo Tonhito de Poi: «Coñeciámonos do colexio de monxas e veume buscar. Con Javi coincidín no instituto. O primeiro baixista foi Juan pero enseguida chegou Velo, o Jran Fran». Como en todas as bandas, pasaron varios baterías dende Avelino «a única ave que sabía tocar a batería, a Ave Lino», ata Medin «que se nos fora para Escocia». A este substituíno Marcos Otero e, nos últimos tempos, Pedro Rodríguez-Trelles.

Recordos

Miles de anécdotas achéganse a súa mente. Aínda lembra as churrascadas e fogatas na praia do Castro, en Castiñeiras: «Algúns dos temas de Heredeiros naceron aquí. Apuntábamos os acordes e as letras nun cacho de cartón. Sempre andaba coa guitarra a costas, calquera momento era bo para arrancarse a tocar».

Pasou de ser Tuchiño a chamarse o Tumbabrajas: «Puxéronmo cando estudaba en Compostela. Un día, estábamos tomando algo nun piso e collín a guitarra. De repente tódalas rapazas viñeron cara min para que lle tocase algún tema. Os compañeiros xa saltaron: aí está o tumbabrajas». A popularidade que lograron foi tal que chegou un momento «no que non podíamos dar un paso en Santiago. Lémbrome un día que ía coller un bus urbano e xa escoitei a uns rapaces cantando churras churras. O certo é que o Xabarín fixo moito polos grupos de rock dos 90». Orgulloso de ser un dos Heredeiros da Crus, para el significou moito esa época: «Cambioume a vida por completo. Imaxínate, nun concerto en abril do 95 coñecín á miña muller, e froito desta relación, teño á miña marabillosa filla».

Como todo o bo se acaba, tras máis dunha década de éxitos, cada un tomou o seu camiño: «Chégaste a cansar, era o momento de facer outras cousas. Os Heredeiros tíñamos o terreo limitado. Se convencésemos ao planeta para que todo o mundo falase galego sería máis fácil. Deberíamos contratar unha cuadrilla de albaneis para que alargasen Galicia ata o Reino Unido, ou que Gran Bretaña fose unha provincia nosa. Como di o meu amigo Toñito de Poi, se volvesen os Heredeiros deberíamos cantar en afgano-cosovar».

Nas diferentes redes sociais fanse patentes as ganas de volver a ver a todos os heredeiros sobre un escenario. Moitos son os rumores que corren por aí, o mesmo Tucho faise eco e sinala: «Algo di por aí a xente, algo escoitei». Pero ao mesmo tempo afirma: «Os Heredeiros da Crus nunca se foron».

39 anos

Músico

Recuncho

Na praia do Castro, en Castiñeiras: «Algún dos temas de Heredeiros naceron aquí»