Estoutro día, con Moncho, volvín lembrar aqueles anos de guerra fría no grupo escolar, aqueles duros tempos de difícil negociación diplomática, cando o Virulillas tiña a toda a súa familia aliada contra nós, asesorándoo e dándolle apoio financeiro e técnico, mentres o resto dos rapaces por moitos pactos de colaboración e axuda mutua que fixésemos, nunca acadábamos o desexado apoio loxístico dos nosos maiores, que en canto nos vían cargar un tirapedras sacaban de tesoiras e picaban as gomas deixándonos indefensos, cando a diplomacia só funcionaba ensinando o armamento, por temor a que o mal uso do mesmo contra algunha fiestra lles provocase disputas na veciñanza.
A lembranza remóntase a cando se nos deu por facer uns papaventos cos que xogabamos na praia, competindo por ver quen era capaz de subilo máis alto, e nese afán competitivo, cada quen buscaba os máis finos papeis e as máis lenes varetas feitas con canas, e cando alguén conseguía erguelo, todos o festexábamos, porque dalgún xeito, entre nós, compartíamos os avances tecnolóxicos. Pero un día apareceron na praia o Virulillas e o seu curmán maior, portando un artefacto de vivas cores feito en papel de seda. Axiña notamos que aquel papaventos subía coma nunca subira ningún dos nosos e lucía máis ca ningún, dándonos unha envexa inenarrable.
Ó volver á casa, apoucados e silenciosos, Moncho dixo de súpeto, como se non viñese a conto, que a ese artefacto quedáballe pouco. E ó día seguinte, apareceu co seu papaventos modificado: sobre a vareta do eixo lonxitudinal puxéralle unha crista, e ó acercarnos distinguimos unha fila de mistos e un raro mecanismo disposto para que, segundo nos explicou, ó rozar con algún outro que voase por encima prendesen e queimaxen o artefacto inimigo. Custounos traballo explicarlle que tamén queimaría o seu, de ser certo que ese dispositivo funcionase e o papaventos fose capaz de voar con aquel peso; polo que ó final accedeu a desmontar todo o sistema e pactar con nós a indiferencia contra o Virulillas exiliándonos noutra praia onde poderíamos facer voar os nosos aparellos pintados con lapis de cor sen que ninguén se rise deles. Pero ó día seguinte, cando todos estabamos reunidos cos nosos proxectos voadores, e o Virulillas ficaba só na praia do barrio, de entre as pedras vimos como subían pequenas bolas luminosas que acababan caendo no mar, ata que unha, de súpeto, tropezou co papaventos de seda prendéndolle lume; e todos, desde lonxe, festexámolo como se gañasemos a liga. Quen estivera nese intre na praia para reconquistala rindo a cachón.
Ó día seguinte Moncho ficou durante o recreo arredado de todos, e mirando como o Virulillas escollía a quen ía xogar co seu balón. E tardou moitos anos en saber que aquel día el, co seu arco de frechas incendiarias foi o gañador, aínda que non puidese tocar o balón durante un mes e seus pais o castigasen porque a nai do inimigo lles foi co conto do malo que fora queimándolle un papaventos de mil pesetas ó guapiño do seu filliño.