Voltaire, ese home que ó largo do século XVIII se converteu en referencia literaria, que na España de sotana e auga bendita foi prohibido e posto como exemplo de diaño depravado, debíalle esta fama a que, despois de ser alumno dos xesuítas converteuse en encarnizado inimigo do catolicismo que practica, propón e fomenta o fanatismo ou a exclusión do diferente. Pero así como atacou á curia por impositora e impostora, non tivo dúbidas á hora de facer construír unha igrexa en Ferney, ademais das fábricas con que a súa aldea aumentou a poboación ata converterse nunha próspera e populosa vila.
O exemplo de Voltaire é unha rareza onde abundan os predicadores afeitos a impoñer o propio criterio sen admitir outra opinión. El fixo unha constante denuncia contra a hipocrisía e a dobre cara das cousas, como pode ser a brutalidade que se agocha tras a fermosura da milicia e os himnos patrioteiros. O seu pensamento explícao moi ben no libro Cándido , do cal lembro aquela pasaxe onde fala da perfecta organización dos exércitos, dos vistosos uniformes, ben dispostos e ordenados un fronte ó outro, a máis fermosa das estampas que podemos ver, os metais brillantes, as bandeiras despregadas, cheas de colorido e amparadas co harmonioso son de tambores e trompetas; pero de súpeto, un estoupido, un trono que brúa sobre aquela fermosura e unha bala que se espeta no exército de enfronte, ciscando anacos de persoas polo campo; e daquela xa empeza o desastre, as mutilacións, os estrondos rebentando corpos, sementando o odio, provocando o desastre e xerando a maior de todas as desgracias: a desgracia da guerra. E non lembro un só mes na miña vida no que puidera dicir hoxe non hai guerra en ningures.
A beleza traidora dun exército é un insulto ó bo gusto, e é curioso que os seus actos sempre se apoien nalgunha verdade, disciplina ou honor con que se nega a verdade, a disciplina e o honor do contrario. Non hai cuartel sen o seu predicador, non hai fanático que non xustifique as súas barbaridades como irremediable necesidade, como se fosen o pedido dalgún malvado deus, porque hai que ter moi mala uva para, podendo, non impedir a desgracia do odio e do asasinato. Que ata no ceo, onde a fermosura ten o seu asento, foron armados os anxos con espadas flamíxeras; e incluso o noso apóstolo, que en vida non usou nin navalla de afeitar, despois de dez séculos de morto, armouse de xusticeira espada para combater ós mouros nunha batalla que só aparece recollida en lendas, pero non en documento histórico algún. E que fermoso queda Santiago no seu cabaliño branco, machacando sarracenos sen que unha pinga do sangue daqueles infieis manche a alba pureza da súa montura.
A luz que anuncia un exército liberador rara vez alumea; pero aínda recoñecendo as moitas veces nas que o seu labor vai dirixido a darlle amparo á poboación civil, tendendo pontes en camiños asolagados ou montando un hospital de campaña tras algunha catástrofe, estando como deberon estar sempre, axudando á sociedade, sempre pesan as fazañas daqueles pintorescos e perversos uniformes que combatían contra a escravitude promovendo o capitalismo desaforado -e non imos lembrar agora cal é a condición de ser negro libre no país que gañou unha guerra contra os escravistas sureños-; non esquecemos a aqueles soldados que abrían rotas comerciais en Oriente eliminando á poboación civil, ou os que dicían protexer a súa raza fronte a calquera faciana tostada polo sol, nin a aqueles que animan ós inversores estranxeiros derrocando gobernos a tiro de canón, contra os parlamentos constituídos por sufraxio popular.
As flamexantes bandeiras tamén serven para tapar estas vergoñas