A todo se adapta un, e se hoxe nos queixamos dos problemas que conleva ler un texto nunha pantalla de ordenador, tamén se queixaban os nosos bisavós da endemoniada velocidade que alcanzaba un vehículo a 30 por hora, e aínda había teóricos da física do movemento que listaban unha serie de problemas que afectaban ó corpo humano ó superar certa velocidade. E aquí estamos, correndo cada vez máis.

Tanto eu como os meus compañeiros botámoslle a culpa de que teñamos que usar gafas ó uso e abuso do ordenador, para nada di ningún de nós que a certa idade vai sendo normal perder visión. Prognosticar os efectos nocivos que os aparellos modernos nos deparan, adiantar a degradación da humanidade por mor de modas e costumes, xa o facían os homes das cavernas. Non me quero imaxinar cando un paisano daqueles chegou cun facho aceso ó que ninguén se atrevía a tocar, ou que lle dirían ó que apareceu cunha roda. Pois nós tamén, deixemos de prognosticar que vai ser do libro electrónico e observemos como evoluciona. Escoito sentencias sobre el, tan rotundas e cheas de razón, que teño que calar cando explico que os ebooks xa os levo usando, por motivos profesionais, desde maio do 2000 a través do ordenador portátil, e con tales libros tiven a vantaxe de levar toda a información técnica que precisaba, e antes ocupaba medio maleteiro do coche, comigo a onde fose. Con eles, acceder a un determinado tema era moito máis rápido e eficaz. Por iso, sen prognosticar a morte do libro de papel, digan o que digan os augures, este acabará deixándolle sitio ó electrónico, e penso que unha cousa non negará a outra. O problema non é o como, senón canto se vai ler. O problema non é o soporte, senón que siga habendo escritores.

¿Cantas enciclopedias se venden?. Estaremos de acordo que moi poucas ou ningunha, porque é moito máis doado buscar a información pulsando unha tecla do ordenador. ¿Atrévese alguén a dicir que a electrónica matou as enciclopedias?. Non, só cambiou o formato e o modo de acceso, pero seguen sendo necesarios os especialistas que as escriban.

Como ó falar deste asunto, sempre se confunde o valor estético co valor funcional do libro, contareivos que, hai uns días, disfrutei dunha exposición que se fixo no Concello da Coruña, en colaboración coa Real Academia, con motivo de celebrar o bicentenario da edición do primeiro libro en galego. Alí estaban xoias reservadas ós arquivos e que só os especialistas, cun permiso especial, poden ver ou consultar, desde aquel primeiro libro de Fernández e Neira (1810) ata a entrada no mercado editorial da man de Ánxel Casal a finais dos anos vinte do pasado século. Verdadeiras xoias dignas de ser protexidas; pero, ¿cantos poden dicir que leron os libros que se amosan nesta exposición?. O problema do papel é que necesita reedicións para manterse vivo. ¿Lembrades o libro da risa de Aristóteles?. Non podedes lembralo porque dese libro só se sabe que existiu porque aparece nunha lista do ano das catacumbas, pero como ninguén se preocupou de copialo acabou perdéndose.

Persoalmente doeríame perder algún dos libros que teño e ocupan moitos metros cadrados de habitabilidade, pero son consciente de que todos eles e moitos máis, podían estar recollidos nun pendrive dunha polgada cadrada, que consultalos sería tan doado como poñer a frase ou a palabra buscada e axiña aparecerá en que libro, páxina e parágrafo está. O libro de papel non morrerá, como non morreu a pintura a pesar da fotografía, nin o teatro a pesar do cine, pero cada vez máis, a electrónica permitiranos ter a nosa biblioteca sempre á man e ordenada, e as imprentas seguirán estampillando curiosidades cada vez máis caras.