Sabemos que non é doado convencer a unha persoa para que troque os seus hábitos e costumes. E esa reticencia que se expresa, xa non cunha palabra, senón cunha frase: «non dar o brazo a torcer», faise máis inalterable a medida que pasan os anos, ata tal punto que os mesmos médicos, diante dun ancián, non dubidan en aceptarlle aquilo que el ten por costume, porque, a partir de certas idades, unha prohibición só contribúe a crear conflito na persoa. Prohibir, por exemplo, o vasiño de viño no xantar é como negarlle a calor da estufa en inverno, porque a esa altura da súa vida, tal prohibición só lle aceleraría a incomodidade da vellez.
Outras veces é evidente que o médico tenlle que recomendar (prohibir é imposible) ó enfermo, sexa vello ou mozo, aquilo que realmente lle está facendo mal, sexa ou non incómodo para os seus anos. Outra cousa é que o doente lle faga caso ó galeno. E así pasa, co recorrente tema do tabaco. Pero, cando se lle pregunta a alguén que lle dixo o médico, resúmeo como algo sen importancia: «O de sempre, que deixe de fumar». E compárase esta actitude con aquilo dos curas «fai o que che digo pero non o que eu fago». Daí, posiblemente o grande fracaso dos facultativos con certos consellos, porque non saben convencer, ou porque só pretenden convencer pero non saben seducir.
Contounos estoutro día un médico o caso dun paisano a quen atendeu dunha afección de gorxa. Tras a observación e as primeiras probas ambulatorias, a diagnose era doada, e nas preguntas que o doutor lle foi facendo, non faltou a clásica de se fumaba. Explicoulle o médico que só tiña un catarro que se cura cun xarope e algunha pastilla, pero a razón de coller catarros tan doadamente vén dado polo extremadamente sensible das súas vías respiratorias, por mor do tabaco. Unhas vías que están débiles e cada día, se non deixa de fumar, estarán peor e poden dexenerar nun cancro. «Ten vostede que deixar o tabaco». Foi a conclusión final que o facultativo lle deixou mentres lle estendía a receita.
Dalí, o doente foise a tomar un café e decidiu que, por aproveitar a mañá, iría polas medicinas á farmacia do centro comercial e así xa mercaba un par de cousas que necesitaba na casa. Polo que, armado de bolígrafo, colleu un pano de papel, botou man do paquete de tabaco que lle axudase a pensar, sen fixarse na advertencia «Fumar esqueletiza», acendeu un pito e lembrou as tres cousas que necesitaba.
Satisfeito co café, o pito e a lista, marchou ó centro comercial, e alí, xa no aparcadoiro viu o anuncio dun preciosísimo xamón que antes custaba unha porrada e agora quedaba en vinte euros menos, así que, sen dubidalo, incluíuno na lista. E mentres facía o acceso, co carro de rigor entre as mans, seducido pola música, a luz centrada en determinados estantes, a sensual voz dunha azafata anunciando as gangas, as excelencias, as ofertas e as marabillas dunha restra de produtos, a lista da compra foi engrosando, e aqueles tres elementos de primeira necesidade convertéronse de súpeto en quince ou vinte, uns necesarios e a maioría que non ía sobrar.
Satisfeito, convencido e seducido polas modernas técnicas da mercadotecnia, o home volveu ó coche, acendeu un novo pito e regresou á casa, pero cando xa tiña todo metido na neveira ou no lugar correspondente da despensa, un pouco canso e alasando por mor do esforzo, tusindo, acordouse de que esquecera pasar pola farmacia, sen decatarse de que unha verdade que lle afectaba á súa saúde e posiblemente á súa vida, fora adiada porque o médico, tratando de convencelo non o seduciu, mentres que os do supermercado, tratando de seducilo, convencérono para mercar un montón de cousas tal vez inútiles.