Caso Boiro, bis caso Madrid

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

17 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nestres intres estou facendo o visionado e composición videográfica que me capturou o meu impagable axudante de campo, o Panadeiro das Pallas, do que foi a Festa da Fervenza de Mazaricos este ano, pero a actualidade obriga, así que toca opinar sobor do sempiterno problema da perversión democrática. ¿Cal é a actualidade que obriga? O que imos chamar caso Boiro, bis caso Madrid.

Se hai algo que, coas súas imperfeccións, hai que loar do sistema electoral norteamericano é o seu sistema de primarias, o caucus, -o caucauasu que a tribo dos indios Alonquinos utilizaba para gobernarse-, non soamente para a elección do candidato á presidencia do país, senón tamén para escoller aos demais candidatos á Cámara de representantes, a senadores, alcaldes e gobernadores.

E, por iso, cando o PSOE adoptou un sistema semellante pensei que a democracia comezaba en España, non en 1978 senón en 1998, cando Borrell e Almunia pasaron pola criba da militancia, co que os demais partidos e outras institucións con dirixentes de bo xantar, tamén asumirían. Sobor das elección primarias escribiu un interesante artigo o cadeirádego de ciencia política e asuntos públicos na Universidade de Princeton que recomendo lean en: http://www.princeton.edu/~cboix/primarias.PDF.

¿Quen é mellor para gobernar Madrid? ¿Trinidad Jiménez, Ángel Gimeno ou Tomás Gómez? Pode que os tres sexan bos, malos ou mediocres, pero o lóxico é que o decida a militancia socialista madrileña e así nunca se lle botará a culpa a ningún «Aznar» cando se pase polo exame cidadán.

Pero como moi ben razoaba neste xornal o día 11/08/2010 o columnista Roberto L. Blanco Valdés, o PP non é máis democrático que o PSOE, sic «(pues en su funcionamiento no lo son ninguno de los dos)», como o amosa esta lapidaria frase do presidente provincial, Carlos Negreira, para carpetear o caso do aínda concelleiro popular boirense, Javier Chouza Gestoso, que reclama o seu dereito a ser alcaldable o vindeiro ano: «Haberá outros criterios, pero o encargado de elixir ao candidato é o comité provincial e non tivo a máis mínima dúbida».

¿Cando se entenderá por que Rajoy non está a máis de trinta puntos por enriba de Zapatero? ¿Cando aprenderán os políticos da dereita actual que a historia do liberalismo está estreitamente ligada coa historia da democracia?