Veñen como cabalos pateando as miñas estrañas, galopando. Con eles regresan todas as cousas importantes que me faltan. Miro para atrás e case tremo de contemplar tanta sombra. Os que faltan son iso, sombras. A avoa que trenzaba cancións con pañoleta e pelo branco. A tía solteira que xogou toda a vida a ser a miña nai. Os tíos que traían cinco pesos no peto para dar ao sobriño, o neno que permanecía sentado nas escaleiras da casa con libros na man. Os amigos que correron comigo as estradas perigosas, o longo e tortuoso camiño, e fixéronme prometer que algún día escribiría aquela historia de cigarros e risa e copas e malvivir. Están todos reunidos neste momento que redacto a película exacta dos meus case 47 anos. Sei que non teñen importancia para a maioría dos que len esta columna cada martes. Pero sei tamén que elas e eles, en cada cumpreanos, miran atrás para poder mirar cara adiante. Son os mesmos que veñen aos meus ollos cando escribo camarada, cómplice, amizade, poema, bolero. Ou sexa, esa tribo que entre cruasán e café fía as miñas palabras. Os que resisten, non para ganar, senón para non perder demasiado. Os que saben que máis alá da realidade está a fábrica dos soños. Os que non renuncian á esperanza. Os que pintan de azul os días de inverno e que botan ao río, como pedras, as mil amarguras diarias. Están nos meus 47 os que me dan consellos que nunca acepto, os que esperan cando levo retraso, os que nunca din que non cando pido un abrazo. Quero dicir con esta columna que escoito en cada cumpreanos a presenza dos que me dan alento, os imprescindibles. Espero que todos os aniversarios sexan como os meus, é dicir, que poidan escribirse na contraportada do periódico da vida. Ese que nos define e debuxa. Ese que nos vai facendo, en definitiva, o que somos. En dous días cumpro 47. Sei que saberán desculpar, e olvidar, o impudor desta columna.