Confederación de aldeas

BARBANZA

Agora, cando todos andamos dicindo iso de que vivimos na aldea global, sen lembrarnos de que quen inventou tan despectivo termo foi un periodista con ánimo de ampliar a cobertura dos seus medios, con pasmo para min e os meus amigos do parladoiro do xoves, descubrimos, tras sisudos debates cervexeiros, que realmente, aquí en Galiza, neste país que todos pensábamos uniforme en símbolos e cultura, somos realmente unha confederación de aldeas autónomas competindo por quen fai o mellor cocido, caldeirada ou tortilla. Aldeas, porque o maior núcleo poboacional existente non necesita máis ca un día para que todos os veciños vexan unha obra de teatro traída, con moito favor, da capital do Estado, mentres as compañías autóctonas manteñen o tipo con pensións de subsistencia; confederación porque todas as aldeas se rexen polo mesmo estatuto e constitución que din amar e acatar como o máis hixiénico dos papeis; e autónomas porque cada aldea ten a súa propia e peculiar maneira de interpretar as leis fundamentais do reino.

Nesta nosa confederación de aldeas autónomas, ninguén quere ser menos có veciño, e ó mellor iso é a clave do progreso: a envexa xera afán de medre, e con ela medran o cemento, o minifundio e a emigración, que é a única fonte de emprego segura; como me contaba un arquitecto a quen certo alcalde, vendo como no concello do lado fixeran unha piscina -que como moito só ía estar habilitada dous meses de verán-, solicitou outra pero máis grande -tamén para estar inhabilitada dez meses ó ano-. E nesta leal competencia entre si, todas as aldeas de Galiza presumen dos seus hórreos, pero para sacarlle fama ó de Carnota, e mentres esta di do seu que ten corenta centímetros máis de longo, aquela presume de ter o de máis cruces, e aquela da maior concentración de cabaceiros por metro cadrado do mundo. E unha pola outra, cando non é polo hórreo, todas andan á greña polo fútbol, polo peirao, polo turismo e polas caixas de aforros, pero ningunha pola fábrica que xustifique o peirao, que exponsorice ó equipo, que traia congresistas a falar da fabricación, barcos para exportar o fabricado e entidades bancarias que potencien a súa produción.

A competencia entre as distintas parroquias, aldeas e incluso barrios, vén de vello, e cando a todos lles estraña a absurda competencia entre o Celta e o Dépor, Xulio lembra cando os da outra banda viñan xogar á nosa parroquia nas festas de verán, que baixaba un grupo de seareiros a recibir ós contrincantes cunha animada chuvia de bosta e ouriños, o mesmo animado recibimento que logo nos facían eles cando tiñamos que xogar aló. Sen embargo, mirade por onde, máis de un dos de aló como dos de acó, ó final do partido ficaba na festa e colleron moza. Claro que aquí, como aló, axiña lle puxemos nome para distinguir ós autóctonos dos forasteiros, e apareceron mecos e repoleiros para dar cadras da orixe do intruso.

A aprendizaxe a vivir na confederación de aldeas autónomas do noso país nunca foi doada, nin sequera de cativos, cando argallábamos verdadeiras batallas por mor de calquera acción que humillase ou desprezase a algún veciño, e as declaracións de guerra facíanse na escola e executábanse nalgunha praia neutral.

Os etnógrafos desta confederación falan de que xa de antigo os mozos que non fosen da aldea da noiva, tiñan que pagarlle un convite ós da veciñanza para gañar o dereito a mocear naquel territorio, e esa endogámica procura deixounos adoutrinadores refráns como aquel que advirte: «o que fóra vai casar, chata leva ou vai buscar», refrán que reforza o valor do propio dentro da confederación, nunha pretendida proclama contra todo o que sexa alleo.