Na película Enterrado Vivo , de Frank Darabont, cóntase a historia dun tipo enganado pola muller, quen ten relación cun médico co que trama inxectarlle unha droga para matalo e cobrar logo o diñeiro do seguro, pero danlle unha dose moi pequena e daquela a vítima acaba espertando. Non me podo imaxinar as cousas que lle viñeron á cabeza a este tipo cando se atopou dentro dun cadaleito.

Nun pobo de preto de O Carballiño escoitei a tráxica historia dun finado a quen meteron nun nicho de maneira prematura; e ó cabo duns días, un paisano que estaba labrando preto do camposanto, notou como as vacas non querían avanzar cara aquel lugar que se correspondía co de onde repousaba o cadáver, así que, pensando que seguramente o nicho estaba mal pechado e os animais detectaban o cheiro da descomposición avisou ós familiares, e estes, ó revisalo, viron que saía un regueiriño de sangue polas físgoas da lápida, e ó abrir o cadaleito encontraron que o finado se esguizara a boca para morrer desangrado, acelerando o tráxico fin que presentía.

Enfrontarse á morte sabendo que se está cara ela, sabendo que xa non hai remedio, enfrontarse sendo consciente do que nos agarda debe ser verdadeiramente terrorífico. Non me podo imaxinar por onde andaría a mente das vítimas dalgún dos recentes terremotos, cando se viron atrapadas entre cascallos que non lle deixan moverse e con toneladas de escombros por encima, presos e sen poder deixar escoitar a súa voz de auxilio. Allan Poe di destes temas que deben ser evitados para non ofender nin desagradar ó lector, pero aínda así, no mesmo texto que tal consello dá, relata varias historias sobre o asunto, e conta de médicos que mercan cadáveres que logo se lles levantan na mesa de operacións, amantes que matan a unha terceira persoa que logo aparece denunciando o crime e o adulterio e enterros prematuros que asustan a vivo se mortos.

George Washington, temendo ser enterrado vivo, pediulle á xente da súa casa que lle gardasen tres días de velorio; e xa no século XIX, quen sabe se influenciado polos contos de Poe, algún inventor deseñou un cadaleito cun mecanismo para que o finado, se espertaba, puidese pedir socorro erguendo unha bandeiriña por encima da lápida.

Todos son casos de enterrados, algo que chegou a ser un dos moitos e variados métodos de tortura en época medieval, e se ben cabe preguntarse iso de que anda na cabeza dun enterrado cando esperta dentro do cadaleito, tamén é, por similitude, unha pregunta pertinente querer saber que anda pola cabeza dun náufrago cando se encontra dentro do mar, cando sente como unha forza superior tira del cara o abismo sen que poida facer nada por liberarse dela. Quero supoñer que tan presente está na súa mente a necesidade de liberarse do motivo que o arrastra, do cabo que o ata ou das botas asolagadas que pesan como chumbo, que non ten tempo para pensar no final. Peor debe ser o que sente o náufrago pechado nun barco que se afunde mentres por un ventanuco vai vendo como a auga o asolaga sen que ningunha forza sexa quen de abrir ese vidro que lle anuncia o tráxico destino final.

Por non querer, nin sequera quixera estar no sitio dos que levaban o cadaleito do Bieito, tal e como conta Rafael Dieste, cando un deles sente un ruído na caixa, e dálle por pensar que están enterrando a un vivo. As dúbidas que o paisano ten, de se avisar para comprobar que efectivamente levan un morto ou non dicir nada para non dar o espectáculo, tiveron que pesarlle na consciencia moito tempo. Esa dúbida así como o medo ó ridículo merece unha segunda parte: a tráxica experiencia coa que o paisano tivo que vivir o resto da súa vida.