Eu non entendo de onde deriva esa teoría de chamar á nosa terra Galiza cando ata os propios romanos, que lle puxeron Gallaecia, aplicaron a toponimia axeitada, naqueles intres derivada do Callaicos ourensán que chegaba ata Braga e que, ata onde as miñas limitacións académicas chegan, entronca coas Gallias europeas e coas culturas celtas. Ben, fago esta reflexión previa para razoar sobre a absurda polémica de se o ensino galego debe ser monolingüe, bilingüe ou plurilingüe nas escolas. Eu coido que do primeiro que hai que preocuparse é de que os mestres ensinen e os nenos aprendan os coñecementos que lle sexan de utilidade na súa vida e, sobre as linguas en que se debe facer, digo o seguinte.
Lembro, de cando eu daba clases polos veráns na miña aldea para axudarme nos estudios, que os pequenos nin sabían nin falaban castelán e non tiven ningún problema para que, a partires dos textos cervantinos mesturados coa miña comunicación con eles en galego, aprenderan e entenderan calquera materia educativa. Tanto é así que teño diante de min unha carta dun daqueles cativos, ensinado dese xeito e que segue sendo un galego-parlante coma min, redactada en castelán, polo que teño que chegar á mesma conclusión do presidente Núñez Feijoo.
Vexamos: Saber galego conéctanos co diasistema dos 240 millóns que falan portugués, que co castelán, como segunda lingua falada no mundo por 500 millóns de persoas, engadido o inglés, que o falan outros tantos, fan un total de 1.240 millóns de almas coas que os galegos poderemos entendernos, é dicir, converternos na primeira potencia mundial de falantes, por enriba da propia China. Iso é o que propón, nin máis nin menos, o «arma líos» do presidente galego que, por certo, ten a autorización maioritaria do pobo galego.
Cando nun conflito se titubea ou se é brando, as consecuencias son desastrosas, como o amosou o informe PISA de 2006 segundo o cal a capacidade para ler e entender o que len os nosos mozotes quinceaneiros está por debaixo do sesenta por cento da media mundial. ¿É iso o que se quere para os nosos fillos e netos?.