A confraría encargada da organización das singulares festas convocou eleccións para o día 9 de xaneiro
22 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Tal e como recollen os estatutos, despois de dous anos á fronte da Confraría da Dorna, a directiva capitaneada por Francisco Martínez anunciou na asemblea do pasado sábado a convocatoria de eleccións e a apertura do prazo para a presentación de candidaturas. Os comicios serán o 9 de xaneiro e os grupos interesados en asumir a organización da vindeira edición das singulares festas xa poden dirixirse ao local da entidade ou enviarlle un correo electrónico.
De momento, ninguén anunciou formalmente a súa intención de relevar a Martínez no cargo de presidente. Este ten claro que non volverá a presentarse á reelección: «Se algún dos membros da miña directiva se decide, non me importaría formar parte da súa candidatura, pero eu non quero volver a ser presidente».
Na xuntanza do sábado, na que participaron unhas vinte persoas, Martínez aproveitou para dar conta das actuación levadas a cabo ao longo dos dous últimos anos. Destacou o arranxo da sede da Dorna e a realización de melloras na escola, como a compra de dúas velas e a reparación doutras dúas.
Menos incidencias
O presidente da confraría tamén fixo referencia á evolución positiva que experimentaron as festas nas últimas edicións: «O máis importante é que se conseguiu superar a participación e, a maiores, reduciuse o número de accidentes e incidencias. O comportamento do público foi exemplar».
En canto ás cuestións que baixo o seu punto de vista seguen pendentes, Martínez destacou a consecución de que a Dorna sexa declarada festivo local: «Foi, é e seguirá a ser a nosa prioridade ata que o Concello recoñeza a importancia que ten esta celebración».
O presidente saínte considera que a nova directiva da confraría debe seguir loitando nesta fronte e tamén na mellora da escola de vela: «Hai que conseguir que funcione ben e para iso hai que loitar coa Administración para que sexa máis flexible a nivel burocrático».
Aínda que lle quedan poucos días para ceder o bastón de mando da confraría, Fran Martínez e o seu equipo pretenden dar un paso máis antes de abandonar: tramitar a petición para que a Dorna sexa declarada festa de interese nacional. Para o ano cúmprense cinco anos desde que adquiriu a distinción galega, o mínimo esixido para optar á estatal.