Unha mirada de antano

Pedro García Vidal

BARBANZA

Nos anos 1924 e 1925, a fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson percorre Galicia coa súa cámara fotográfica, co fin de crear unha colección de imaxes desta terra por encargo da Hispanic Society of America. Os atentos ollos da moza observan a realidade, divisan os detalles, examinan co fin de descubrir. A súa é unha «mirada interesada», unha mirada que quere ir máis alá a fin de ver a alma das cousas.

A xeito dun cazador no escuro, ao traveso de entenrecedoras imaxes capturadas na luzada dun intre, Ruth Matilda saca á luz todo o potencial histórico dunhas paisaxes ocultas, un singular esforzo por visualizar aquilo que as fai únicas, por acadar a súa esencia secreta, esa invisible presenza que establece un vínculo entre o onte e o hoxe.

Se é certo, como se afirma, que unha soa imaxe pode retratar unha época, a exposición Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia , que se pode ver na sede da Fundación Caixa Galicia na cidade da Coruña, conecta nun diálogo clarividente aquela Galicia dos anos vinte co presente para ofrecer unha iluminadora interpretación.

Cada imaxe, portadora dunha historia paralela, dun relato á marxe, ten o valor contundente de quen é capaz de expresar aquilo para o que as palabras quedan curtas. Ante a rotundidade do documento gráfico, o espectador semella capaz de desvelar o que ningún discurso consegue explicar de maneira tan elocuente.

Cando contemplamos as imaxes daquela Galicia ao traveso da mirada de Ruth Matilda, un caudal de emocións abrollan do máis íntimo. O que nos conmove deses espazos habitados trasladados ao papel, é precisamente o que teñen de antrópico, de construído traballosamente por centos de xeracións de esforzados habitantes. Esas realizacións de séculos de xente anónima configuran esa paisaxe humana que tanta emoción pode chegar a producir, pois nela atópase a máis íntima relación dun pobo co seu espazo vital, dun pobo coa súa propia historia.