Nas últimas semanas, Muros acolleu unhas xornadas sobre o proceso tradicional de elaboración do pan
05 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O Concello de Muros está a desenvolver unha actividade multidisciplinar sobre o mundo do pan no Pozo do Cachón. O departamento municipal de Turismo, que dirixe a nacionalista María Xosé Alfonso, leva un tempo ofertando á poboación a posibilidade de participar en obradoiros, mostras e experiencias vinculadas ao cultivo e á elaboración da boroa e do pan.
A experiencia chegará hoxe ao seu fin pero, como colofón, ao longo de toda a tarde celebrarase no muíño de mareas do Cachón unha gran festa popular. Para a ocasión, a Concellería de Turismo deseñou un amplo programa de actividades que inclúe actuacións de música e de baile tradicional, unha degustación de produtos relacionados co pan e a entrega de agasallos aos participantes no certame literario organizado dentro desta proposta.
O programa que se pechará esta tarde comezou a desenvolverse na localidade muradá o 17 de novembro coa apertura dunha exposición de fotografías sobre o proceso de elaboración da boroa e do pan de trigo. A colección de imaxes completouse con diversos utensilios vinculados a este sector, desde unha sementeira de grao de millo ou de trigo ata os aparellos empregados antigamente para o cocido destes cereais.
Actividades diversas
Á vez, organizouse un concurso literario coa temática do mundo do pan, no cal participaron a maior parte dos centros de ensino do municipio. Tamén se desenvolveu un obradoiro de confección de figuras de pan, ao que se sumaron os nenos das escolas muradáns de educación infantil.
Esta é a segunda ocasión na que se presenta a mostra do mundo do pan en Muros, aínda que agora suplementouse a oferta inicial con varias actividades, e mesmo con útiles de elaboración da fariña. Así, para completar a visita á exposición, presentouse un vídeo no que se dá conta das distintas andainas da elaboración do pan. Tamén se instalou un pé de muíño, que quedará permanentemente no Cachón.
Ao longo das moitas visitas que fixeron os escolares á mostra estivo presente unha muller da parroquia de Torea, que aínda na súa casa se segue a colectar millo e mesmo a cocer a boroa. A veciña deu cumpridas referencias da súa experiencia artesanal na elaboración do alimento.