Persoal do Concello e da Deputación da Coruña participa nun foro de sustentabilidade en Andalucía
04 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A Deputación da Coruña participa nos terceiros encontros de sustentabilidade que, patrocinados polo Ministerio de Medio Ambiente, se celebran esta semana en Sevilla. A deputada Caridad González, representando ao ente provincial, está a desenvolver una tarefa informativa sobre a colaboración do organismo no desenvolvemento de actividades nos núcleos de sustentabilidade da Coruña.
Baixo a premisa de que o desenvolvemento dos pobos e a protección ambiental son posibles, Caridad González expuxo en Sevilla a decisión da Xunta de Galicia de poñer en marcha un plan piloto de crecemento sostible, no que no momento da súa creación, novembro do 2006, contou con trece concellos participantes.
Entre os núcleos de sustentabilidade galegos atópase, desde o inicio desta iniciativa, o Concello de Muros, no que tamén se creou unha Axencia Local de Sustentabilidade. Técnicos desta dependencia municipal desprazáronse tamén á cidade andaluza para amosar o labor que se vén realizando desde a Administración local.
Exposición informativa
A delegación muradá no foro andaluz de sustentabilidade amosa, mediante varios paneis informativos, algunhas das iniciativas xa emprendidas a través da Axencia de Desenvolvemento Local. Así, campañas de sensibilización cidadá sobre a sustentabilidade, e a posta en marcha de iniciativas educativas e da Axenda 21 son algunhas das propostas que se dan a coñecer nesta exposición.
A deputada Caridad González explicou os alicerces deste proxecto: «O plan piloto de crecemento sostible naceu coa ambición de que os núcleos de sustentabilidade se integrasen nas diversas iniciativas que no mundo existen de protección do medio natural, coa finalidade de obter recursos e intercambiar experiencias a nivel global, para así acadar un desenvolvemento equilibrado e non agresivo para o medio».
A política coruñesa tamén se referiu a Muros dentro dos proxectos sostibles, ao dicir que «dende un pequeno concello do litoral coruñés como é Muros pretendemos, primeiro, salvagardar a beleza natural existente, pero á vez, acadar as condicións axeitadas para que os veciños poidan vivir dignamente no seu pobo. Propostas para acadar estes obxectivos son as que aquí pretendemos amosar».