Novos espazos didácticos

BARBANZA

O instituto pobrense converte parte do patio cuberto nun lugar de debate sobre a teoría da evolución

26 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai xa unha década que o profesorado do instituto da Pobra decidiu montar unha exposición co fin de complementar o labor didáctico que se leva a cabo no interior das aulas. Desde entón, a elaboración de mostras converteuse nun hábito e en cada curso realízanse entre tres e catro. No marco deste plan, o martes abriuse no patio cuberto do centro unha colección de paneis sobre Charles Darwin e o seu libro A orixe das especies.

A montaxe desta exposición coincide co 150 aniversario da publicación desta obra, que precisamente se conmemorou onte. A mostra está composta por trinta paneis nos que se describe tanto o contido do volume como diversos aspectos sobre a vida do autor e, sobre todo, a polémica e o importante avance científico que supuxo a teoría de Darwin. Xulio Gutiérrez, que confeccionou estes paneis xunto co resto de mestres dos departamentos de bioloxía e xeoloxía, explicou que do que se trata é de que os alumnos coñezan en profundidade o tema: «Queremos que se formen opinións serias, rigorosas e baseadas en datos científicos».

Alfabetización científica A maiores, coa montaxe desta mostra, o profesorado do instituto pretende darlle unha maior relevancia ao eido científico: «Para nós a ciencia tamén é cultura, polo que consideramos moi importante a alfabetización científica de todas as persoas», apuntou Gutiérrez.

Os alumnos do instituto poderán ver os paneis nas súas horas libres, pero a maiores o equipo docente encargado da actividade confeccionou fichas didácticas para que o tema sexa abordado nas aulas: «Fixemos material para os distintos grupos de idade, co fin de que todos os estudantes traballen sobre a teoría da evolución de Darwin», explicou Xulio Gutiérrez. A exposición permanecerá aberta ata finais de febreiro e está a disposición de todas as persoas que desexen pasarse polo centro. Poden facelo de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.20 horas. A mostra abriuse cun sinxelo acto, no que un grupo de alumnos de bacharelato leron unha serie de textos vinculados co tema. Logo fíxose unha visita didáctica polo recinto. Nas vindeiras xornadas pasarán polo lugar o resto de estudantes do instituto.