O corrupto é unha especie que prolifera como os eucaliptos nunha carballeira descoidada, que atrae cara si como un imán ferranchos vellos e novos. É unha especie sen un hábitat concreto, axéitase en distintos ambientes e en todos os territorios, polo que se converte nun artista do saber adaptarse a cada época, lugar e circunstancias, e vai desde aquel feiticeiro a quen lle daban o mellor pernil da peza cazada para que a súa influencia de sabio ou meigo da tribo os favorecese, ata o señor concelleiro que recibe nunha conta privada e secreta os galanos dos construtores favorecidos por calquera lei ou disposición que posibilite a venda de ladrillos.
A corrupción é pegañenta como un prebe espeso de pementón e comiños. E debe ser como o olmo vello de Machado, que coas chuvias de abril e o sol de maio unhas ramiñas verdes lle van saíndo, pois ela tamén é periódica, ó menos nos medios de comunicación, porque de estar sempre está aí, agochada, disimulada, arroupada e pretendida polos máis santos persoeiros da política, incapaces de resistirse ós seus encantos.
A historia dos corruptos é tan longa como a humanidade. Certo ministro houbo na historia de España que, cando aínda non había unha rede ferroviaria adecuada, el xa tiña o seu tren privado, con vagóns que semellaban os cuartos dun dos mellores pazos da capital do reino.
Deputados tivemos que xuntaron propiedades a nome de fillos e parentes, mentres eles se queixaban de ter un soldo que non lles chegaba para pipas. Pericles, o pai da democracia en Grecia, ficou coa acusación de quedarse cos cartos da liga Ática para facer o seu Partenón. E seguimos.
Ben analizado, o corrupto é dunha intelixencia pouco común, amigo da fachenda e parente da sempiterna queixa contra o mal repartido que está o mundo, ata que o descobren. Pero, do mesmo xeito, o bo corrupto é aquel que sabe compartir a corruptela, buscar amigos, socios ou cómplices; e o mellor de todos ese que unha vez descuberto mira ó ceo e clama «así é como me pagades os meus desvelos», logo, pon cara de inocente e fai que toda a culpa recaia no paspán que ata cinco minutos antes pensaba que era a man dereita do corruptor, o seu amigo da alma.
É curioso, pero amparados en pór remedio ós excesos políticos, a maioría das mocións de censura só serven para introducir novas fases de corruptela nos concellos, e o primeiro paso cara a corrupción son os pactos de dedicación exclusiva con subida de soldo ós concelleiros.
O corrupto nunca usa do seu arte para abrir escolas, hospitais ou asilos, pero si para construílos, aínda que logo non se dean posto en funcionamento.
E todo isto mentres a lei nos protexe contra eles nomeando secretarios e tesoureiros que, en debida lei, deben ocupar o seu cargo por medio dunha oposición ó corpo do seu funcionariado concreto, pero na maioría dos casos, hai que desconfiar dos concellos nos que o tesoureiro e o secretario son cargos ocupados interinamente por algún empregado de confianza mentres ninguén toma en propiedade a praza que sempre está vacante.
É curioso ver como, cando se descubre un corrupto, este non dubida en devolver o seu carné de partido, acusando a todos de que non o entenden, pero nunca a súa acta de concelleiro, e moito menos o montante do gañado por mor da corruptela.
Como queira que sexa, non é doado ser corrupto, para iso, primeiro, hai que saír beneficiado coa confianza dos paisanos expresada nas urnas.