Lolita inicia os seus primeiros pasos na escola en Outes para despois estudar na Balmes de Noia. Daquela época ten un bo recordo, pero o seu paso pola academia non lle evita ter que botar unha man no restaurante. Combina estudos con traballo. Non é unha mala mestura. Teoría con práctica. A terceira xeración, a de Noelia, xa se forma no Centro Superior de Hostalería de Galicia. Dous mundos distintos, pero con materias primas iguais.
-Carne de aquí, peixe de aquí, marisco de aquí a ser posible; se non, o de mellor calidade; e ata o ano pasado miña nai aínda plantaba na horta patacas, cebolas, tomates, leitugas das que poñiamos aos clientes. -A ostra? -Si ma encargan vou buscala no día ou na hora. Lévame cinco minutos chegar. Na casa non a quero ter porque perde moito. Gústame mimar o produto e que o comensal se decate diso. Temos calidade nos nosos produtos polo que si a natureza os tratou tan ben non sei porque nós os temos que deconstruir. Estamos no mes do outubro onde se poden xantar unhas magníficas ameixas ou ostras, tal como veñen do mar. Sen floreos. -¿Como cre que lle pode afectar a nova ponte que vai evitar que para ir a Muros se pase por Outes? -Penso que non nos vai afectar. Algúns din que o Cruceiro vai quedar illado. Eu non penso así. Imos quedar nun sitio privilexiado, onde os que veñan farano adrede. Estaremos máis tranquilos polo tráfico da estrada. Debemos enfocar a actividade doutra maneira e propoñer que os visitantes veñan xantar desde Santiago, Noia ou outros lugares e o fagan con espírito de tranquilidade. Darlles o mellor de nós. Non só bos produtos e ben elaborados, tamén atención e cariño. Teremos que esforzarnos para que así sexa. -Si despois de que a súa filla siga a ruta xa trazada e si máis tarde os netos tomen o mesmo camiño, ¿que lle parecerá? -Perfecto. Casa Peto ten que seguir ata onde se poida. Pero tanto os veciños como as novas xeracións deben levar impregnado o cariño con que facemos as cousas. Se os nosos clientes repiten desde hai moitos anos debemos continuar mellorando nun labor dedicado a encontrar a calidade no xeito de cociñar e de servir unha mesa. -¿De que maneira lles afecta o estaleiro do Freixo na hora de dar comidas? -Moito. Aquí pola semana damos de comer a moitos dos seus traballadores. Se come de menú e para nós é fundamental que nos acompañen. Son amigos da casa.