A sinistralidade, a estudo

J. M. Sande

BARBANZA

O segundo curso do Campus de Verán que se leva a cabo en Muros xirará ao redor dos accidentes de tráfico

29 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os accidentes de tráfico conforman o eixo central do curso que hoxe empezará a impartirse na localidade de Muros. Trátase do segundo seminario do Campus de Verán que a Universidade de Santiago de Compostela está a desenvolver este verán na vila, e que arrancou hai pouco máis dunha semana cunhas xornadas dedicadas á pesca.

Ao longo de tres días, os asistentes a esta segunda acción formativa recibirán nocións sobre cuestións tales coma os accidentes de tráfico en España, os perfís de risco na sinistralidade, as secuelas físicas dos traumatismos craneoencefálicos, a responsabilidade penal nos sinistros e a práctica da asistencia dos letrados en caso de accidentes.

Ademais desta temática, está previsto que tamén se toquen cuestións coma a valoración médico-forense do dano dos lesionados, os informes periciais psicolóxicos e a simulación nos accidentes de tráfico, e a recuperación das secuelas producidas nun sinistro de tráfico. Este curso rematará cun debate no que participarán varios dos relatores dos relatorios para abordar a temática multidisciplinar das repercusións físicas e psicolóxicas derivadas dun accidente de tráfico.

Profesores das universidades galegas e valenciana, responsables da seguridade e da política no tráfico viario, e persoal sanitario e xurídico integran o cadro de docentes e relatores dos temas que se impartirán ao longo das tres xornadas nas que se fixou a duración deste seminario.

Para estudantes

Aínda que os destinatarios preferentes desta actividade son os alumnos universitarios que se inscribiron previamente, aos que se lles outorgarán cretos e diplomas de participación, a asistencia a cada un dos relatorios que integran o curso está aberta ao conxunto da poboación, co único condicionante do aforo da Escola de san Xosé, que é a sede na que se desenvolverá este seminario sobre o tráfico.

Concluído este curso e despois dun descanso, o Campus de Verán volverá a cobrar actualidade en Muros o 17 de agosto. Serán entón cando arrancará un seminario sobre arqueoloxía, que se prolongará ao longo de cinco xornadas. Xa en setembro terán lugar os dous últimos ciclos de relatorios desta primeira experiencia que a Universidade de Santiago leva a cabo na localidade barbancesa. A mediación e o turismo serán os eixos centrais desas actividades formativas.

Coa celebración en Muros deste campus, o Concello pretende achegar novas posibilidades de formación tanto aos veciños como ás numerosas persoas que elixen o municipio para gozar das súas vacacións estivais. Ao mesmo tempo, o executivo local pretende que este tipo de iniciativas contribúan ao desenvolvemento socioeconómico e turístico do territorio, xa que este tipo de seminarios soen xerar un movemento importante de persoas, tanto no relativo ás tarefas de organización e de dirección dos relatorios como no que se refire aos numerosos alumnos que acoden como público.