Granell preséntase na Pobra

BARBANZA

Máis de vinte gravados e xilografías orixinais do pintor surrealista poden verse na casa de cultura Raquel Soler

17 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A liña de colaboración que o ano pasado se estableceu entre a Fundación Granell de Santiago e o Museo Valle-Inclán da Pobra está a dar novos froitos. Primeiro foi a apertura, a semana pasada, dunha mostra de retratos e caricaturas de Siro López, propiedade da sala pobrense, no Pazo de Bendaña; e o mércores pasado inaugurouse unha exposición das obras máis recentes de Eduardo Granell na casa de cultura Raquel Fernández Soler.

A colección, que permanecerá aberta ata o 15 de novembro, está formada por 24 gravados orixinais. Son traballos que Granell fixo na última etapa da súa vida. Entre eles hai varias xilografías coloreadas que de seguro gustarán ao público que se pase pola sala pobrense, xa que son exemplos moi representativos do pintor surrealista.

Ademais da importancia que ten para a vila pobrense contar durante un tempo con esta colección de obras, existe unha relación entre Granell e Valle-Inclán. Os dous participaron no Madrid republicano nas tertulias ás que acudían as principais figuras creativas da época.

Valor cultural e turístico

Con motivo da inauguración da mostra de obras de Granell, desprazáronse ata a localidade pobrense o director xeral de Turismo, Rubén Lois, e a adxunta de dirección da sala compostelá propietaria das pezas, Montse Cea. Os dous destacaron a importancia de seguir levando a cabo este tipo de intercambios, tanto pola transcendencia que teñen a nivel cultural como polo seu valor no eido turístico.

De feito, Rubén Lois brindouse para seguir colaborando en todas as iniciativas deste tipo que propoña o Museo Valle-Inclán.

O director da sala, Antonio González Millán, explicou os motivos polos que a exposición tivo que ser montada na casa de cultura, destacando que o museo non conta cun espazo axeitado para a exhibición de mostras puntuais: «Esta é unha necesidade que haberá que analizar a medio prazo».

No acto tamén estiveron presentes o alcalde, Isaac Maceiras Rivas, e a concelleira de Cultura, Encarnación González; así como outros membros da corporación local.

Esta noite, ás 21.00 horas, haberá no auditorio do museo unha conferencia a cargo dun especialista na obra de Eugenio Granell. Trátase de Juan Monterroso, que falará sobre a pegada do surrealismo nos traballos do pintor.