Os nenos son protagonistas

BARBANZA

Cipriano Fernández publica un libro dramático para inculcar valores e, sobre todo, divertir aos máis cativos

20 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A falta de títulos dramáticos que teñan como público obxectivo aos nenos levou ao profesor Cipriano Fernández a comezar, hai 20 anos, a súa carreira de escritor, durante a que converteu aos máis pequenos nos protagonistas das súas obras.

Unha delas, O rei Maragato estaba triste e tres pezas máis, acaba de ser publicada, a pesares de que, segundo recoñece, «hoxe é difícil que editen teatro». O libro recompila catro historias dirixidas a cativos de diferentes idades, das que xa se ofreceu un adianto o día da presentación da obra. No auditorio ribeirense púxose en escena a primeira das ficcións que recolle o volume: Salvado pola campá. Con este relato, «o máis infantil», Cipriano Fernández pretende dar a entender aos cativos o valor da amizade, aínda que o libro abarca distintos temas.

Así, a obra que dá título ao exemplar, O rei Maragato está triste, trata o amor e a dor, mentres que O tío Ramón pesca de todo ía para comedia, pero o desastre do Prestige nas costas galegas fixo que se convertera «nun acto de reivindicación, de protesta e de preocupación polo medio ambiente», explica Cipriano Fernández, que conta como a marea negra afectou ás familias dalgún dos seus alumnos.

Entretemento

Aínda que as pezas teatrais que compoñen o libro tratan distintas cuestións e intentan inculcar aos cativos unha serie de ideas e valores, a intención do autor non é esta, nin moito menos, senón que busca ante todo que os nenos o pasen ben. «O primeiro é que os rapaces se divirtan. Ás veces caio no defecto de incluír valores nas miñas obras, pero iso non é prioritario, o principal é que o pasen ben», sostén Fernández.

Ademais de escribir, o autor de O rei Maragato estaba triste e tres pezas máis participa en todo o proceso teatral dirixindo ao grupo de alumnos do Colexio Galaxia, no que exerce como mestre. Por isto, non dubida en asegurar que o obxectivo co que naceu este libro é que «calquera profesor á fronte dun grupo de alumnos ou calquera compañía de afeccionados o representen».

En canto á súa faceta como director teatral, Cipriano Fernández comenta que o máis gratificante é «que todos os rapaces participen en todo o proceso, axudando incluso cos decorados, o traballo en equipo e que todos se sintan importantes». Ademais, recoñece con orgullo que algúns dos alumnos que pasaron polas súas mans seguen, despois de abandonar o colexio, vinculados ao mundo da interpretación, e algún incluso chegou a participar nunha serie de televisión.

A contrapartida é a perda de interese polo grupo de teatro que mostran a maioría dos cativos cando chegan á adolescencia, pero asume que «non poden vir obrigados porque non o gozarían».