Entre o martes e o sábado, o persoal da Torre de Bermúdez ensinará como funciona a sala por dentro
17 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Os segredos que se agochan entre as paredes do Museo Valle-Inclán poderán ser coñecidos a vindeira semana. Entre o martes e o sábado celebraranse unhas xornadas de portas abertas, nas que o persoal da sala amosaralle aos visitantes como funcionan as instalacións e os métodos que se empregan para realizar tarefas como a catalogación de fondos. As persoas que se sumen a esta iniciativa tamén terán a oportunidade de ver onde se atopan as pezas que non están expostas.
Esta actividade forma parte do programa deseñado con motivo do Día Internacional do Museo, unha efeméride posta en marcha hai unhas catro décadas polo Consejo Internacional de Museos. Aínda que esta festividade se conmemorará mañá, debido ao traballos de reorganización de varias salas, na Pobra os actos principais terán lugar o venres da semana que ven.
Segundo explicaron onte o director da sala, Antonio González Millán, e a concelleira de Cultura, Encarnación González Montemuiño, os actos consistirán na lectura dun manifesto baixo o lema Os museos, axentes do cambio social e do desenvolvemento. Esta actividade terá lugar ás 20.30 horas no auditorio da Torre de Bermúdez.
Elementos dinamizadores
Antonio González, que será o encargado de ler o texto, comentou que o obxectivo principal deste manifesto é dar a coñecer todas as funcións que cumpren os museos ademais da estritamente cultural, que é para a que foron concibidos. «A día de hoxe está comprobado que os museos se están consolidando como elementos dinamizadores do territorio, son unha alternativa ao turismo tradicional e un atractivo cada vez máis importante para os visitantes».
Ese mesmo venres, despois da lectura do manifesto, terá lugar a presentación dunha publicación editada polo Museo Valle-Inclán, en colaboración coa Concellería de Cultura pobrense. Trátase dunha crónica de viaxe na que se narra a excursión que Jaime Sola fixo no ano 1917, dende o peirao de Vilagarcía ata a vila da Pobra.
Antonio González comentou que é un relato que ten unha parte de viaxe e outra de impresións costumbristas sobre a vida da Pobra na época na que se fixo a ruta. O volume complétase con fotografías daquel entón.
As persoas que se dean cita o venres no auditorio do Museo Valle-Inclán poderán facerse de xeito gratuíto cun exemplar deste libro. A partir dese día, poñerase á venta.