Home en bicicleta tentando manter o equilibrio para a foto. Instantánea feita o día que non abriron o taller. A pose é natural. Con roupas de traballo e porte atlético. Os beizos parecen contraerse cun xesto que é retrato dun presente oclusivo. Incerto. Mais os ollos miran de fronte retando con vehemencia o futuro. Porque ao futuro hai que plantarlle cara para ganalo co tempo.
A esta hora o estómago está baleiro e o sol do mediodía pésalle enriba das costas a Manuel. Pero el mantense ergueito enriba da sela. Temperado. E malia que o agora o importune con outro desafío.
O patrón morreu e os herdeiros queren pechar o negocio. Claro que... mirade a bicicleta!. De barra grosa e co seu faro lustroso. Fora un agasallo do tío Amador ao pouco de volver de Cuba, e antes de que o fundise todo.
Manuel coidaba dela coma dun tesouro. Que o era. Un luxo na Galicia dos anos cincuenta. Ben pintada e aliñada. E as cubertas a proba de picadas. Que había moitas corredoiras que percorrer para ir as romarías e ás boas mozas.
Home en bicicleta: Manuel. Mirádeo ben. Unha perna ao compás da outra e os pés, lentísimos, temperando un instante. O equilibrio inmortalizándose nos miolos dunha cámara.
Endexamais volvería ao taller de carpintería. Tres meses despois embarcaría nun barco dende Vilagarcía rumbo ás Américas. E a bicicleta quedaría co irmán pequeno. O Suso. Si home, o que logo fora carteiro desta vila tantos anos. Outra volta, que desta vai. Amodiño. Se o soubese traería posta a camisa dos domingos.