O número de persoas que integran o coro Lauda Sion oscila en función das necesidades, aínda que o máximo está establecido en 24 voces. Trátase de afeccionados á música sacra procedentes de diversos lugares de Galicia. Os temas do Renacemento, do Barroco e os cantos gregorianos son os piares que sustentan esta agrupación.
A posta en marcha deste coro remóntase ao ano 1910, cando o solista de oboe, pianista e compositor Ricardo Fernández Carreira logrou reunir nunha soa formación a distintos cantores cos que participaba nas cerimonias de todas as parroquias do panorama eclesiástico da Pobra.
No 1921 sucedeulle na dirección de Lauda Sion Xosé Fontán Martínez, que incrementou o número de cantores e incluíu instrumentistas. Así foi como quedou consolidada a continuidade do coro, que iniciou unha traxectoria ascendente. Dende entón ata a actualidade foron moitos os músicos de varias xeracións que contribuíron a que a agrupación percorrera toda a xeografía galega e incluso diversas cidades do territorio español.
No 2003 créase a Asociación Musical Lauda Sion, co obxectivo de incrementar o nivel artístico e formativo do coro e de xestionar o inxente patrimonio musical acumulado en forma de partituras, publicacións orixinais e copias manuscritas, correspondencia de gran intereses e instrumentos. O labor do coro culmina coa edición do seu primeiro cedé, aínda que os membros xa están a pensar nun segundo traballo.