Douscentos estudantes do instituto da Pobra asisten a unhas xornadas de orientación académica e profesional
20 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Axudar aos estudantes a tomar unha decisión axeitada sobre o seu futuro é o que perseguen as xornadas que o luns arrancaron no Instituto Francisco Barreras Puente da Pobra, e que se prolongarán ata o vindeiro martes. A través de conferencias e visitas, uns douscentos mozos recibirán orientación académica e profesional co fin de coñecer as diferentes alternativas que existen tanto a nivel formativo como no mundo laboral.
A orientadora Sabela Rodríguez explicou que a idea de levar a cabo esta iniciativa naceu, por unha banda, porque se trata dun dereito que por lei teñen os alumnos e, por outra, porque é unha necesidade: «Vemos que non coñecen as posibilidades que lles ofrece o sistema educativo, non saben as alternativas que hai a nivel de ciclos formativos nin no relativo a ensinanzas especiais, como música, danza ou idiomas».
As xornadas están dirixidas a estudantes de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria, aos de primeiro de bacharelato, aos de garantía social e aos alumnos dos ciclos formativos. Pola súa banda, os de segundo de bacharelato están inmersos na preparación da selectividade, polo que a súa orientación realízase mediante titorías individualizadas.
Distintas experiencias
A semana de orientación organizada polo instituto pobrense comezou cunha mesa redonda sobre as diferentes experiencias profesionais do mercado laboral da comarca. No centro educativo déronse cita un garda civil, unha traballadora social da Cruz Vermella, un aparellador, unha enfermeira, un profesor da escola náutica ribeirense, un xefe de máquinas e un electricista. Todos eles contáronlle aos estudantes como foi o seu proceso formativo e a posterior incorporación ao mundo laboral.
Pese a ser consciente de que non se trata dunha mostra representativa de todos os eidos existentes na zona, Sabela Rodríguez considera que a iniciativa resultou exitosa: «Moitos mozos viron reflectidos nos convidados o que queren facer ou, á inversa, o que van descartar».
Na xornada de onte foron ex alumnos do Instituto Francisco Barreras Puente os que explicaron a súa experiencia como estudantes. Acudiron á mesa redonda integrantes de distintas modalidades de bacharelato, membros de ciclos formativos e universitarios.
O equipo docente do centro educativo confía en que cando rematen as xornadas, os mozos teñan un pouco máis claro cal vai ser o seu futuro laboral ou formativo.