Os festexos de entroido arrancarán na localidade sonense o día 2 co concurso de disfraces infantil
24 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Aínda que falta máis dunha semana para que arranquen as actividades de entroido en Porto do Son, o departamento de Cultura xa ten todo practicamente listo, co fin de que os bulicio invada as rúas da localidade. Nesta ocasión, os máis pequenos da vila serán os encargados de abrir o pano dos festexos. Será o vindeiro día 2, cun baile infantil no que se elixirá ao rei e á raíña das festas.
O concurso terá como escenario a praza de España, onde o Concello ten previsto instalar unha carpa en caso de choiva. Alí poderán darse cita os nenos do municipio de ata 12 anos de idade, iso si, é imprescindible que acudan ataviados con orixinais vestimentas. Os cativos que queiran participar no certame deberán inscribirse previamente na biblioteca pública de Porto do Son. O prazo para facelo rematará o vindeiro día 1.
Os máis pequenos de Porto do Son tamén son os destinatarios das actividades que se desenvolverán o luns de entroido, O departamento de Cultura organizou para eles obradoiros de maquillaxe, globoflexia e elaboración de máscaras e disfraces.
Os adultos do municipio tamén terán a posibilidade de demostrar as súas dotes creativas no que a confección de vestimentas se refire o martes de entroido, data na que se celebrará o concurso de charangas. Os interesados en participar deberán darse cita na casa de cultura, ás seis da tarde. A esa hora arrancará o desfile que percorrerá as principais rúas da vila.
As mellores comparsas levaranse premios en metálico de entre 450 e 125 euros, mentres que na categoría individual, as contías a entregar oscilarán entre os 110 e os 40 euros. A xornada estará amenizada pola charanga Andanzas.
A agrupacións que desexen sumarse a este concurso deben ter claro que é condición imprescindible cantar a charanga no escenario que se instalará na praza de España, onde estarán os membros do xurado.
Como manda a tradición, o programa de festexos deseñado pola Concellería de Cultura sonense inclúe o enterro do Felipe, unha actividade que terá lugar o día 6. O séquito de plañideras que acompañará ao defunto sairá da casa de cultura ás oito do serán.