Encontros nunha dimensión descoñecida

La Voz

BARBANZA

17 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A vida non está feita de apriorismos. É a interpretación da vida o que se fai con eles. A priori este é o encontro de xentes perdidas para o común ou, quizais, de mulleres demasiado comúns para contar nas estatísticas. Segundo anuncia Teatro do Noroeste, hai unha puta e unha esmolante nos peores momentos das súas carreiras, pero decididas a loitar por iso que tan pomposamente algúns chamaron lebensraum, neste caso, dominar o espazo que garanta a supervivencia. O espazo vital é unha esquina que tanto vale para pedir como ofrecerse. Están as dúas dispostas a manter posicións como un enfrontamento entre sony e sanyo, entendendo que un lugar no mercado é un lugar no que sobrevivir. Haberá que ver se a condición miserable é a mellor circunstancia para a solidariedade e a cooperación ou é xusto o contrario, nesas circunstancias calquera cooperación é un luxo imposible e un recurso perdido. Estas dispostas a moverse nunha dimensión descoñecida, pero a dirección si que a coñecen.