O virus do VHS

Todo o mundo quere que a arte sexa un asunto transcendente. Os artistas principalmente. É como a rel

BARBANZA

17 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Esa xeración que o CGAC cre que é necesario resucitar para o gran público e que ten tanto que ver cos oitenta en Galicia, demostrou que unha das cousas importantes é fozar nos aparellos ata que produzan algo de bo. Neste sentido, son lennonistas porque dicía o marido de Yoko Ono que se lle daban unha tuba era capaz de sacarlle algo. Niso consistía para el ser artista. Os primeiros videoartistas galegos decidiron en canto lles foi posible que non querían seguir sendo tal. Deron un salto semellante ao deses escritores que despois dun libro de relatos bo deciden que hai que pasarse á novela porque o outro é de exaculadores precoces e teñen medo de que se lles note. Como un curtametraxista que quere o que quere ser, en realidade, é Kaurismaki (Aki porque a Mika non se lle ve motivado). Con aquilo da movida o virus do VHS penetrou entre os poetas inquedos que, ao tempo, estaban un pouco cansos de que todo o debate poético fose se a rima era asonante ou consonante. Estaban cansos diso e das letras acabadas en eiro. Puxéronse a fedellar nos actos que inmediatamente deixaron de ser literarios e a interruptor seguido fedellaron nun aparato que estaba a punto de pasar a ser un medio de memoria de masas con máis atracción que un ipod pero con menos vocación elitista. A mostra que ofrece o CGAC queda curta e quizais a pesar da proximidade dos oitenta merecese un pouco máis de contextualización. Da previa e da posterior. Como chegou o fenómeno e como acabou. Antes os videoartistas procedían da literatura ou dos malabares cinematográficos. Agora os videoartistas proceden da plástica e falta por explicar ese proceso ou ruptura ou cambio de vento que, entre outras cousas, botaría luz sobre por que nos oitenta pasou o que pasou. En boa medida quen participou daquel tempo e encontrou no vídeo un aliado non pensou tanto que era un xénero ou un fin determinante tanto como unha ferramenta que quería explicar que as posibilidades son cambiantes. O virus do VHS caducou e agora hai demasiadas cámaras, demasiada dixitalización e ademais está o teléfono móbil co seu ollo reverso de gran irmán. Pero entón o asunto era fedellar nos botóns do contraste.