Lousame réndese á camelia

Sara Ares

BARBANZA

O municipio dará cabida a primeira fin de semana de marzo a unhas xornadas comarcais en torno a esa flor

08 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A segunda edición da Xornada da Camelia Ría de Noia terá lugar este ano no municipio de Lousame. A primeira resultou un éxito e tivo por escenario, no 2007, as instalacións do Instituto Campo de San Alberto de Noia.

A concelleira de Cultura lousamiá, Teresa Villaverde, sinalou que a cita con esta exposición de flores, na que tamén haberá un concurso, será a primeira fin de semana do mes de marzo.

Nestes intres, os organizadores da iniciativa traballan na elaboración do programa de actividades que se desenvolverá durante os dous días que durarán estas xornadas.

Pero antes de que chegue esa data, os veciños deste concello da ría de Noia terán ocasión de participar noutras moitas actividades de diversión impulsadas polo departamento municipal de Cultura.

Máis oferta

A concelleira Teresa Villaverde Pais anunciou que vanse poñer en marcha cursos de palillo, bordado, corte e confección, cestería e informática, nos que poderán anotarse todos os cidadáns que o desexen.

A responsable municipal invitou ás persoas interesadas en asistir a estas clases a que se inscriban nos vindeiros quince días para que as sesións poidan empezar canto antes.

A idea do executivo local é que estes obradoiros se prolonguen desde o mes de febreiro ata xuño ou xullo.

Por outra banda, a delegada da área de Cultura lembrou que este ano o Entroido vaise celebrar moi axiña. Como complemento a estas festas populares, o Concello de Lousame organizou uns obradoiros de elaboración de disfraces.

Teresa Villaverde comentou que esta actividade se levará a cabo o 16 deste mes na casa de cultura de Portobravo e nos locais sociais das parroquias.

Poderán sumarse aos obradoiros todos os veciños que queiran, aínda que están pensados máis ben para os pequenos da casa.

A maiores, a concelleira apuntou que o 2 de febreiro será cando fagan o festival de Entroido, con concursos e desfiles de máscaras, seguramente no pavillón polideportivo Pilar Barreiro Senra.

Ao mesmo tempo, Teresa Villaverde avanzou que o seu departamento organizou unha excursión á neve.

A viaxe terá como destino a estación de esquí de San Isidro, situada en León, e desenvolverase os días 22, 23 e 24 de febreiro.

Inscricións

A concelleira de Cultura dixo que os veciños que desexen participar nesa actividade xa se poden anotar nas oficinas municipais.

A maiores de todo o comentado, o Concello de Lousame tamén ten pensado poñer en marcha a partir do vindeiro mes uns obradoiros de animación á lectura.

Este programa desenvolverase na casa de cultura de Portobravo, pero tamén nos centros sociais das diferentes parroquias que compoñen o municipio.