As áreas pobrenses de Servizos Sociais e Xuventude repartirán laciños vermellos, preservativos e folletos
30 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A sida segue a ser a enfermidade do século XXI, e desde hai 20 anos todos os días 1 de decembro conmemórase na Pobra, do mesmo xeito que na maior parte das localidades do mundo, a data destinada á concienciación pública respecto á infección polo virus de inmunodeficiencia adquirida. Desde o Concello que preside Isaac Maceiras comprometéronse coa loita contra esta afección e coa solidariedade cos afectados e as súas familias, así como para non esquecer que tamén atinxe a moita xente incluso no mundo desenvolvido, aínda que poda parecer o contrario.
Durante esta semana desenvolvéronse no instituto da vila varios obradoiros sobre prevención e hábitos saudables que foron impartidos pola traballadora social María José Garabán para os alumnos de cuarto curso da ESO, así como para os dos ciclos medio e superior de Auxiliar de Clínica e Dietética. Con afán de contribuír a explicarlle á poboación aspectos sobre a enfermidade e o seu contaxio, haberá unha mesa informativa na que distribuiranse guías, lazos vermellos e preservativos, segundo dixo a súa compañeira, Marta Pérez Torres.
Concienciación
Na data conmemorativa do Día Mundial da Sida, as concellerías de Servizos Sociais e de Xuventude programaron para mañá un reparto de folletos polas rúas e no mercado municipal, aproveitando os momentos de maior presenza de veciños. Pola noite, distribuíranse nos locais de ocio lazos vermellos, preservativos e panfletos, para concienciar aos mozos dos riscos de contaxio existentes.
O concelleiro de Deportes, Jesús Dieste Buceta, manifestou que grazas ao control sanitario e aos programas sociais, «a sida está a deixar de ser tan devastadora, agás no Terceiro Mundo, pero entendemos que a saúde pública e a prevención son cuestións nas que os concellos deben permanecer implicados», subliñou.
Dieste manifestou que a campaña deste ano da Organización Mundial da Saúde incide no tema de render contas «do que fixemos e do que aprendemos». Desde o executivo pobrense animan aos veciños da localidade a prender os lazos vermellos nas solapas, como xesto solidario cos afectados.
«Con isto queremos transmitir á poboación en xeral e á xuventude en particular unha mensaxe de prevención. Fago un chamamento á responsabilidade que temos cada un no coidado da nosa saúde e a dos demais e anímovos a rexeitar as condutas de risco que comprometan a nosa integridade, o futuro e o benestar físico e social», precisou Dieste.