Un historiador noiés afincado en Bos Aires

Pastor Rodríguez

BARBANZA

Figura polémica e moi esquecida, o noiés Santiago Abella estableceuse en Bos Aires en 1905, cidade na que morrerá en 1913. Nacera a finais da década de 1840 en Noia. Director do xornal El Tambre, que apareceu na súa vila natal en 1879 e onde publicou varios poemas en galego, quen logo sería moi pouco partidario da normalización e normativización desta lingua como o demostran os folletos Carta abierta al Sr. D. Manuel Murguía impugnando la fundación de la Academia del dialecto gallego, y dedicada al Sr. Martín Echegaray... (Buenos Aires, ¿1907?) e Carta abierta del innominado S.A. al esclarecido académico y secretario de la Real Gallega D. Eugenio Carré Aldao impugnando su fundación y objetándole su discurso del Ateneo (Buenos Aires, 1909). O seu maior mérito foi sen dúbida que nunca esqueceu Noia, o que o levou a converterse nun dos seus primeiros historiadores co folleto La villa de Noya. Sus historia, su topografía, sus monumentos y sus hombres ilustres (Buenos Aires, Impr. de F. Vilanova, 1911). Cultivou tamén a literatura de viaxes, da que é boa mostra a obra Notas de un viaje á la Palestina (Santiago, Tip. de El Eco de Santiago , 1910) e o ensaio no volume Disertaciones de un estoico (Santiago, 1910).