Outes énchese de teatro

J.?M. Sande

BARBANZA

Comeza un ciclo de representacións no municipio no que intervirán agrupacións galegas das artes escénicas

07 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O teatro chega ao municipio outiense para animar o outono dos veciños desta localidade. A casa de cultura de Outes acollerá ao longo dos vindeiros meses a diversas agrupacións que participarán na Mostra de Teatro da vila, que organiza o Concello.

O Alcalde, Carlos López, e o edil de Cultura, Manuel García, presentaron o venres a programación cultural, a oferta de cursos de formación, e as actividades de ocio, que se ofertarán perante este ano no municipio, patrocinadas polo concello.

Polo que respecta á programación teatral, poderán verse as obras A viaxe de Efi, do grupo La Imagina Machina; O merlo branco, da compañía Talía Teatro; A gata con botas, do grupo Sarabela Teatro; Un avó especial, da agrupación Migallas Teatro; Os colombaíños, do grupo do mesmo nome; As últimas lúas, da compañía Lagarta lagarta; Bar, da agrupación San & Son; Sempre ao lonxe, do grupo Mofa e Befa; Vostede pode ser un asasino, da formación Teatro Mámoa; e Aquí cheira a morto, do conxunto Teatro de Cámara Ditea.

Auditorio

Todas estas pezas se presentarán no auditorio do centro cultural de Outes, en horarios diversos, atendendo ao público a quen vai dirixida cada obra. Así, as previstas para os maiores ofreceranse ás nove da noite, e as outras ás sete da tarde. Pero ademais de representacións teatrais, os outienses poderán participar en innumerables actividades que contribuirán a dar dinamismo á época de frío na vila. Entre estas iniciativas culturais destacan os bailes de salón, os cursiños de pintura e as clases musicais, entre as que se atopan as de pandeireta e canto rexional, as de gaita e percusión, as de baile rexional, e as de solfexo e instrumentación.

Matrículas

O prazo para inscribirse nestas actividades xa está aberto, e os interesados deben dirixirse á casa de cultura, para recibir máis información e formalizar a matrícula.

Neste curso tamén se impartirán talleres de corte e confección, e manualidades de restauración, estando previsto levar esta iniciativa a cada unha das parroquias do municipio, coa finalidade de facilitar a asistencia do maior número de veciños, según manifestou o rexedor local, Calos López Crespo.

Tamén está previsto realizar un curso de iniciación informática en windows, Internet e ofimática. Neste caso programaranse actividades de mañá, tarde e noite, con horarios a convir entre os interesados. Así poderá participar un número amplo de veciños. Á vez, a aula municipal de informática permanecerá aberta todo o ano, para todas aquelas persoas que desexen facer uso dela.

Deportes

Os amantes do deporte tamén están de parabéns na localidade outiense. O edil García Fiúza, tamén fixo referencia ás escolas deportivas nas que poderán participar todas as persoas, pequenas e maiores, do municipio.

Entre as actividades máis populares destacan a ximnasia de mantemento, o piragüismo e o fútbol sala, que se celebrará este ano nos polideportivos de A Serra e O Cruceiro. Así, os nenos de Outes disporán de escolas de predeporte, xogos infantís, bádminton, tenis de mesa, fútbol sala, baloncesto, volei, fitness e musculación. Como se pode observar ofrécese todo un amplo abanico de posibilidades para facer fronte ao aburrimento.